Escoitar

O alcalde convida a "visitar Vigo, vivilo e gozalo" na presentación da oferta da cidade en FITUR

O Concello presentou este xoves a oferta turística e gastronómica da cidade na Feira Internacional de Turismo que se celebra estes días en Madrid, nun acto no que Abel Caballero destacou as Illas Cíes como lugar "único e excepcional" que merecen ser Patrimonio da Humanidade e no que dixo que Vigo é "o sitio onde mellor se come do mundo"

xoves, 21 xan 2016
1453400363presentacionfitur.JPG
O acto de presentación da oferta turística, gastronómica e de ocio de Vigo na Feira Internacional de Turismo que se desenvolve en Madrid serviu para amosar ao público presente os valores da cidade para quen a visita coa proxección dun vídeo baixo o lema "Somos mar" e o resumo das riquezas culinarias coa participación dos chefs do restaurante Maruja Limón, que conta cunha Estrela Michelín.

Para o rexedor, trátase dun acto importante no que se dá a coñecer ao mundo "o que somos, a contorna que temos, a cidade, as persoas e a forma especial que temos de vivir Vigo as viguesas e vigueses coa premisa de que "é vigués ou viguesa todo aquel que pon un pé na urbe" e destacou a cordialidade da cidadanía e o carácter próximo e amistoso co que reciben aos visitantes engadindo que "cada vez que alguén vai a Vigo, os que gozamos somos nós coa vosa compañía".

No seu discurso, Abel Caballero salientou as Illas Cíes como "bandeira" de Vigo "única e excepcional, onde conflúe o mundo, onde se xuntan as civilizacións a cultura e a natureza. Non é posible morrer sen ir alí e non se pode deixar de visitar un sitio así" e pisar a area da Praia de Rodas que é "a mellor do universo" e que leva alí "10.000 anos esperando que a xente vaia vela". Sobre a candidatura das Illas a Patrimonio da Humanidade sinalou que "reunimos todas as características xa que a fauna e a flora é única en algúns ámbitos".

Así mesmo, o alcalde falou de Vigo como "o sitio onde mellor se come do mundo", algo que ao seu entender, "non admite discusión posible" e convidou a todo o mundo a perderse pola cidade, entrar a comer nunha taberna, nun restaurante, ir de tapas ou acudir a un restaurante con Estrela Michelín porque en calquera destes espazos se cociña con "cariño". Referiuse tamén ao labor conxunto da cidade na promoción turística aludindo ao "equipo" da hostalería, do transporte, das axencias de viaxe ou os científicos vigueses, xa que "todos constituímos Vigo e lle damos o seu sabor especial" rematando cun convite a todo o mundo a "visitar Vigo, vivilo e gozalo"
Descargar todas as imaxes