Escoitar

Caballero constata "consenso e un novo clima" para a posta en marcha da Área Metropolitana

O rexedor vigués valorou este mércores a reunión celebrada na tarde de onte entre o vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, e os 14 alcaldes da Área Metropolitana de Vigo, cita na que Caballero constata un "moi bo clima" de acordo e vontade de salvar diferenzas, chegándose a consensos no modelo de goberno e nas competencias, entre outros.

mércores, 20 xan 2016
Segundo manifestou este mércores Abel Caballero, o resultado da entrevista de onte entre o goberno autonómico e os 14 municipios da Área metropolitana viguesa "foi francamente ben" e amosa un novo clima de acordo entre as partes, unha vontade de salvar diferencias que se traduciu nalgúns consensos acadados.

O alcalde de Vigo explicou que existe acordo para que o goberno da Área teña en conta o peso demográfico de cada municipio, corrixido no caso de Vigo, que lle cede espazo ao resto dos concellos. Neste punto, subliñou que desaparece definitivamente o modelo anterior un alcalde/un voto.

As competencias tamén foron abordadas na reunión de onte para modificar a Lei de Área Metropolitana de Vigo, consensuando que as que asuma a nova entidade serán transferidas co 100% do financiamento, para garantir que non supoñan ningún sobrecusto para os concellos. Caballero enfatizou que o ente supramunicipal ten que significar mellores servizos e máis baratos, polo que outras administracións "terán que dar un paso ao lado", e ceder competencias.

No caso do transporte, Abel Caballero certificou que na reunión de onte quedou claro que o Concello de Vigo subvenciona o transporte urbano da cidade con 13 millóns de euros, como parte da política social do goberno de Vigo e reiterou que o transporte urbano, "como é natural", non forma parte do transporte metropolitano, aínda que amosou a súa vontade de presentar propostas que poidan favorecer a todos os Concellos, unha vez que queda claro que é a Xunta a que ten que abonar as bonificacións que reciban os usuarios do transporte urbano que veñen da Área. Finalmente, subliñou que a Xunta subvenciona con 1,8 millóns o transporte metropolitano de Vigo, mentres que o Concello subvenciona o transporte urbano con 13 millóns.