Escoitar

O goberno local continúa co apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero coa cesión doutra vivenda municipal

O goberno local vén de adxudicar por seis meses -renovables- unha vivenda municipal a unha muller vítima de violencia de xénero. Así o avanzou o rexedor nunha comparecencia na que tamén deu conta da aprobación dunha partida de 10.000 euros para gastos de emerxencia destas usuarias.

venres, 15 xan 2016
A Xunta de Goberno local aprobou a cesión temporal dunha vivenda municipal a unha muller vítima de violencia de xénero procedente do Centro de emerxencia para mulleres en situación de violencia machista, tamén financiado case na súa totalidade polo Concello. O período é de seis meses, renovables previa xustificación, ata que a usuaria sexa capaz de retomar a súa vida independente. Tal e como explicou o rexedor, o Concello dispón de tres vivendas para facilitar a estas mulleres a transición cara a normalizar a súa situación.

O goberno local tamén deu luz verde ao Programa de Achegas económicas de apoio para mulleres vítimas de violencia de xénero, cun importe de 10.000 euros, que se incrementaría na medida que fora preciso. O obxectivo, dixo, é dotar ás mulleres dunha achega económica puntual que lles permita afrontar os gastos máis urxentes e básicos no proceso de ruptura: alimentación, lavandería, hixiene, gastos diarios, farmacia, aluguer ou calquera outra necesidade inmediata. O procedemento para recibir estas achegas require a previa valoración da traballadora social do Centro Municipal de Información dos dereitos da muller.

Entroido
O alcalde tamén deu conta do proxecto de convenio coa Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e a Federación de Peñas Recreativas "El Olivo" para la organización dos actos do Entroido 2016. A Xunta de Goberno Local deu luz verde as bases técnicas de participación e ás convocatorias, nos concursos de comparsas, carrozas e disfraces. O gasto total, segundo detallou, é de 85.000 euros, dos que 38.537 euros son para a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e, o resto, 46.463 euros, para a Federación de Peñas "El Olivo".