Escoitar

Caballero e Pastor manterán unha reunión en Madrid para abordar as estacións, o AVE e a reforma da Avenida de Madrid

O alcalde de Vigo, a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuniranse o próximo luns día 11 en Madrid para abordar, entre outras cuestións, o encaixe urbanístico da estación de tren de Urzáiz, a estación intermodal, a conexión por Cerdedo e a remodelación da Avenida de Madrid. Caballero confía en que este encontro entre as tres administracións sirva "para desatascar estas cuestións".

martes, 5 xan 2016
Abel Caballero avanzou hoxe martes que no encontro, que será o luns 11 ás 13,00 horas no Ministerio de Fomento, tamén estarán presentes o secretario de Estado de Infraestruturas, ademais de responsables de Renfe e Adif, ademais dos tenentes de alcalde Carmela Silva e David Regades, así como a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride.

Tal e como sinalou Caballero, na reunión analizarase a situación urbanística da estación de tren e seu encaixe no planeamento da cidade, unha vez anulado o PXOM de 2008, aínda que lembrou que antes desta resolución xudicial, o proxecto tampouco era viable en base a ordenación vixente. Ademais desta cuestión, tamén se abordará a estación intermodal, e o trazado de AVE pola variante de Cerdedo, e a reforma da Avenida de Madrid. Segundo lembrou o rexedor, os orzamentos do ministerio contemplan unha partida de 1,5 millóns, "claramente insuficientes" para unha obra que se elevará ata os 5 millóns.