Escoitar

Homenaxe a dúas das nosas mulleres: María Josefa Wonenburger e María do Carme Kruckenberg

O Centro de Documentación e Recursos Feministas quere render homenaxe a dúas mulleres que coas súas experiencias vitais e profesionais abriron camiño para que poidamos continualo. Unha pequena pero emotiva homenaxe a dúas mulleres que nos deixaron recentemente: María Josefa Wonenburger Planells e María do Carme Kruckenberg Sanjurjo.

luns, 19 out 2015
O martes, 20 de outubro ás 19:00 horas terá lugar a homenaxe a María Josefa Wonenburger Planells
(Oleiros 1927- A Coruña 2014) con: Ana Dorotea Tarrio Tobar e María José Souto Salorio

O xoves, 22 de outubro ás 19:00 horas; homenaxe a: María do Carme Kruckenberg Sanjurjo(Vigo,1926-2015)
con: Carme Panero Menor, Mercedes Queixas Zas e a actuación de Ángeles Ruibal.

María Josefa Wonenburger Planells

Wonenburger formou parte da primeira promoción de licenciados/as en Matemáticas da Universidade Central de Madrid en 1950 e foi, ademais, a primeira muller en lograr unha bolsa de estudos Fullbright de Estados Unidos, o que lle permitiu estudar en Nova York e doutorarse en Yale. Experta na teoría de grupos, é considerada a nai da teoría de Kac-Moody. No 2010 foi a primeira científica
investida doutora honoris causa pola Universidade da Coruña.

María José Souto Salorio. Doutora en Matemáticas. Catedratica de Escola Universitaria na Universidade da Coruna.
Ana Dorotea Tarrio Tobar. Doutora en Matemáticas. Catedratica de Escola Universitaria na Universidade
da Coruna.

Souto e Tarrio coñeceron e trataron a María Wonenburger e escribiron sobre ela en varias publicacións. A primeira e máis exhaustiva publicouse en 2006 na revista da Sociedade Matemática española . A derradeira, unha unidade didáctica editada pola Xunta de Galicia en 2015 e que servirá de material de apoio nos últimos cursos da ESO.

María do Carme Kruckenberg Sanjurjo

Carmen Kruckenberg foi, ademais dunha reputada autora, unha muller de mundo, cosmopolita e viaxeira cuxa personalidade trascendía as páxinas dos seus libros, ademais dunha magnífica recitadora que sabía transmitir con profundidade a emoción da palabra. Deixa un legado literario composto por cerca dunha treintena de poemarios, a maior parte en galego. O peso da súa traxectoria céntrase na
lírica, aínda que tamén escribiu contos, fixo traducións e participou en numerosas publicacións colectivas.

Carme Panero Menor. Licenciada en Filoloxía románica e profesora de literatura española en Vigo. Escritora e crítica literaria en revistas como Nó, Andaina e Festa da Palabra Silenciada, Faro de Vigo, Diario 16 de Galicia.

Mercedes Queixas Zas. Licenciada en Filoloxía galega e profesora de lingua galega e literatura no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Premio de ensaio da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 2012, por Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg.

Ángeles Ruibal. Cantante galega que ten vivido a metade de camiño entre Pontevedra, Vigo, Madrid e Bos Aires, onde actuou en lugares e programas destacados como "La Botica del Ángel" de Bergara Leuman. Ten musicalizado poemas de grandes autores/as do mundo, entre as que están a súa gran amiga María do Carme Kruckemberg.