Escoitar

O alcalde viaxará a Madrid o 22 de xullo para manter un encontro coa ministra de Fomento

O alcalde de Vigo avanzou esta mañá os temas que lle vai plantexar á responsable de Fomento, Ana Pastor, no encontro que van manter no Ministerio o mércores 22 de xullo. O AVE, a estación ou a avenida de Madrid serán algúns dos asuntos que abordarán neste encontro.

venres, 10 xul 2015
Abel Caballero transmitirá á ministra de Fomento a importancia para a cidade de temas como a chegada do AVE, a construción da estación de Thom Mayne ou a situación na que se atopa a Avenida de Madrid. Sen querer ofrecer máis detalles por respecto institucional, Caballero avanzou que o encontro que solicitou o rexedor será finalmente o mércores 22 de xullo no Ministerio de Fomento, ás 11,30 horas. O alcalde achégase a esa reunión coa maior "vontade de acordo" para impulsar todos os temas de cidade vencellados ao Ministerio de Fomento.

En rolda de prensa, o rexedor tamén se referiu ao encontro que mantivo esta semana en Madrid con motivo da Comisión Nacional de Administración Local no Ministerio de Facenda. Tal e como explicou, o secretario de Estado felicitou a Vigo polas súas contas cando daba conta da débeda viva do conxunto dos municipios de España. Enfatizou o rexedor a importancia de que Vigo sexa un exemplo e avanzou que o ano que ven a participación nos ingresos do Estado aumentará en 2,9% en termos netos e o teito de gasto será dun 1,6.