Escoitar

"Goberno local, empresarios e axentes sociais temos moito que facer sobre a recuperación económica de Vigo"

O alcalde analizou esta mañá coa nova xunta directiva do Círculo de Empresarios de Galicia a nova situación política de Vigo e o papel que ten que xogar a cidade nunha Galicia que tamén é distinta. Así llo transmitiu durante un encontro no que o rexedor avogou pola colaboración entre goberno local, empresarios e axentes sociais para seguir na senda da recuperación económica.

martes, 7 xul 2015
1436273420empresarios.JPG
O alcalde de Vigo eloxiou esta mañá o "importante nivel de representación empresarial" que ten a nova directiva do Círculo de Empresarios de Galicia cos que esta mañá mantivo un encontro, no que tamén estiveron presentes os tenenentes de alcalde, Carmela Silva e David Regades. Ademais de analizar a nova situación política en Vigo, durante a reunión, o rexedor constatou "o importante traballo que ten esta entidade sobre o papel da economía de Vigo e de Galicia. Tal e como trasladou aos medios, Caballero enfatizou que "goberno local, empresarios e axentes sociais temos moito que facer sobre a recuperación económica de Vigo o e novo papel da cidade na nova Galicia".

Na mesma liña, insistiu que que nestes momentos estase a dar unha conxunción de vectores "económicos, administrativos, políticos e sociais que lle dan a Vigo un papel importante para seguir a tirar do resto de Galicia". Aludiu ao bo clima co que se desenvolveu a reunión que mantivo onte luns co presidente da Xunta, como exemplo dunha nova situación na cidade e na comunidade. Lembrou a entrega dos galardóns de Vigueses Distinguidos e á da Medalla da Cidade ao sector da automoción como outros dos "elementos que configuran esta nova dinámica que imos marcar e que vai ser moi beneficiosa para toda Galicia".

Durante o encontro, os empresarios fixeron alusión á gran estabilidade política de Vigo, cun goberno con capacidade de diálogo e de chegar a acordos con aqueles dispostos a investir na cidade. "Quero ser o alcalde da economía", dixo, poñéndose a disposición de todos os empresarios de Vigo.
Descargar todas as imaxes