Escoitar

O Concello achega á Rede de Mulleres contra os malos tratos axudas por preto de 60.000 euros

O alcalde asinou esta mañá un convenio de 15.000 euros coa responsable da Rede de Mulleres contra os malos tratos. Esta achega súmase a outros acordos que se asinaron recentemente e que elevan o apoio municipal a este colectivo a preto de 60.000 euros.

venres, 3 xul 2015
1435927819rede.JPG
O Concello de Vigo coopera coas actividades da Rede de Mulleres contra os malos tratos con achegas por valor de preto de 60.000 euros. Así o explicou o rexedor hoxe venres, logo de asinar un convenio con esta entidade por importe de 15.000 euros. Esta achega súmase a outras de 17.000 e 27.900 euros concedidas recentemente.

Na mesma liña de loita pola igualdade, a Xunta de goberno local aprobou a cesión dunha vivenda municipal -identificada no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais- para unha muller vítima de violencia de xénero e o seu fillo, que estaban a piques de ser desafiuzados. Ao respecto, o rexedor lembrou que o Concello conta cunha rede de pisos de protección, para o que conta cun orzamento de 18.500 euros.

Caballero lembrou qie o Concello dispón de 1,2 millóns para a loita contra a violencia de xénero, dos que 73.000 euros son para prevención e concienciación cidadá, e o resto para programas de información, atención e protección das vítimas, como o Programa de apoio sicolóxico, o Centro de emerxencias, ou o servizo de atención á infancia, entre outros.


En declaracións aos medios, o alcalde tamén deu conta da aprobación en Xunta de Goberno dun proxecto de convenio de colaboración coa Academia Galega de Seguridade, por valor de 21.000 euros, para cursos de formación dos axentes.
Descargar todas as imaxes