Escoitar

O Concello coopera coa IV edición do Festival Primavera de cine que arranca o 2 de xuño

O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, augurou unha "existosa" IV edición do Festival Primavera de Cine en Vigo que arranca o próximo 2 de xuño. Este ano dóbrase a cantidade de filmes exihibidos e, por primeira vez, inclúese unha mostra de películas lusófonas.

venres, 29 mai 2015
1432900913primavera.JPG
O Concello colabora coa agrupación cultural Reencanto Produccións na organización da cuarta edición do Festival Primavera do Cine en Vigo , que naceu no ano 2012 co obxectivo de promover o sector audiovisual galego facendo visibles os seus filmes, de xeito que cheguen axeitadamente ao seu público natural.

Dende o martes 2 de xuño ao domingo 7 poñerase a disposición do público unha programación baseada en tres categorías: longametraxe, curtametraxe e videoclip, ofrecendo traballos moi variados, onde teñan cabida a ficción, o documental, a animación e propostas experimentais. Na sección oficial mantense a proposta de proxectar filmes producidos en Galicia ou dirixidos por creadoras e creadores galegos.

Este ano dóbrase a cantidade de curtas exhibidas con respecto a pasadas edicións. Serán un total de vintedúas curtametraxes, distribuídas en cinco bloques; na sección de longametraxes contarase con filmes que están a colleitar premios de ámbito internacional, dirixidos por novos creadores como Xurxo Chirro, Cristóbal Arteaga, Ángel Santos ou Marcos Nine. Un ano máis, o público será o responsable de escoller os traballos premiados mediante o seu voto.

Pero a principal novidade que distingue a presente edición consiste na inclusión dunha mostra de películas procedentes de cinematografías lusófonas: longas e curtas de Portugal e Brasil, algunhas delas dirixidas por autores consagrados como Joaquim Pinto, Nuno Leonel, Marcelo Gomes e Cao Guimaraes.

Tamén se poñen en marcha unha serie de actividades paralelas destinadas a enriquecer a participación da cidadanía no festival. Así, ofreceranse dúas xornadas de cine para nenos e nenas, dirixidas a estudantes de educación infantil e primaria de escolas de Vigo e do seu contorno. Consistirán na proxección de curtametraxes mudas, musicalizadas en directo por Caspervek Trío.

Durante seis días, o público poderá asistir a actuacións teatrais e musicais, tanto nas galas de apertura e de clausura como en diversas salas asociadas ao festival. Tamén se contará coa presenza do guionista e director Tirso Calero, que impartirá unha clase maxistral para as persoas interesadas en coñecer o oficio de guionista.

O obxectivo principal do festival segue a ser a consolidación dun espazo de encontro entre os profesionais do audiovisual galego e a presentación de propostas cinematográficas que non atopan unha distribución axeitada nos circuítos convencionais.

Pero o festival ten outros obxectivos tales como dotar a Vigo dun Festival Internacional de Cine que converta á cidade nun lugar de referencia cultural en Galicia; contribuír á mellora da cultura audiovisual galega, convertendo o festival nunha plataforma onde os profesionais do medio teñan a oportunidade de establecer contactos; ofrecer ao alumnado das Escolas de Cine de Vigo a oportunidade de traballar nun festival e de amosar ao público o aprendido; ofrecer a oportunidade á poboación interesada de sacar á luz os seus proxectos: amosar ao público películas ás que nunca tería acceso; explicar o cine ao público infantil e xuvenil dos colexios de Vigo dun xeito educativo e crítico; dar cabida a outras expresións artísticas como a música, a danza, a fotografía, a literatura, o teatro ou as novas tecnoloxías, relacionándoas co cine....en resumo, enriquecer o patrimonio cultural da cidade de Vigo.


No documento que se adxunta pódense consultar os horarios de proxección previstos no Auditorio Municipal do Concello e no salón de actos do MARCO.
1432900913primavera.JPG
1432900940cartelPrimavera.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información