Escoitar

O Concello inicia cunha campaña informativa os plans de tráfico específicos para colexios

O goberno local lanzou unha campaña de información aos pais e nais do novo plan de tráfico deseñado para os colexios. O alcalde detallou que se reservan de media dez ou doce aparcamentos nas horas de entrada e saída dos alumnos. O 1 de xuño comeza de xeito experimental en catro centros e noutros nove arrancará o 8 de xuño, para aplicarse no resto de colexios a partires do próximo curso escolar.

xoves, 28 mai 2015
Ante os medios, Abel Caballero comunicou o inicio dunha campaña de información para os pais e nais de alumnos sobre os novos plans de tráfico elaborados polo Concello para os colexios, que funcionarán inicialmente, como primeira fase, en trece centros, arrancando en catro este luns e noutros nove o próximo 8 de xuño.

Este luns, 1 de xuño, da comezo o plan piloto no colexio Maristas (con reserva de estacionamentos en Venezuela entre as 08:15 e as 09:15h e de 13:30 a 14:30 horas), na Compañía de María – Enseñanza (con zona acotada para aparcamento em Colmeiro Laforet de 08:30 a 09:30h), no Escultor Acuña (con estacionamento reservado de 08:30 a 09:15h e de 13:30 a 14:15h, na rúa Estrada) e no Lope de Vega (con estacionamento propio de 08:30 a 09:15h).

O luns seguinte, 8 de xuño, arranca este plan piloto noutros nove centros: María Auxiliadora – Salesianos, García Barbón, Vicente Risco, Amor de Dios, Illas Cíes, Doutor Fleming – Villa Laura, María Inmaculada – Carmelitas, San Miguel Nebrija – O Castro e Padre Míguez – Las Calasancias.

Instalarase un sinal de tráfico que prohibirá estacionar nos horarios delimitados, salvo para deixar e, eventualmente, recoller ao alumnado dos citados centros, explicou Abel Caballero, quen avanzou que haberá efectivos de Policía Local para ordenar o funcionamento do plan. O alcalde reiterou que o plan da comezo en xuño de xeito inicial, con vocación de aprender da experiencia para implantalo nos 80 colexios da cidade a partires do próximo curso.