Escoitar

O Laboratorio realizou labores de inspección para a apertura de 500 establecementos en 2002

martes, 4 feb 2003
imx2291.jpg
O Laboratorio municipal, dependente da Concellería de Sanidade e Consumo, realizou 50.630 determinacións de análises durante o 2002. Labores de inspección de establecementos, análise de calidade de augas e desinfección son algúns dos aspectos desenvolvidos durante o pasado ano.

O Laboratorio municipal realizou, o pasado ano, os labores de inspección preceptivos para a apertura de 500 establecementos. Informou de expedientes con implicación ambiental e, nalgúns dos proxectos, estudiouse e puxéronse as condicións para o cumplimento das ordenanzas de medio ambiente para a concesión da licencia.

Ata o ano pasado, só 12 establecementos dispuñan de autorización de vertidos á rede de saneamento a pesar de ser preceptiva desde 1994 para obter a licencia de actividade. Desde mediados de 2002 realízase un control dos establecementos co fin de que os vertidos cheguen analizados á depuradora.

En canto ao labor analítico, contrólanse as augas de bebida da traída municipal, veciñais e fontes. No caso da traída municipal, repítense as análises realizadas pola empresa concesionaria Seragua para comprobar o cumprimento do prego de condicións e actúase como vehículo de reclamacións dos cidadáns.

Analízanse as 29 traídas veciñais e unha vez ao mes envíanselles os resultados aos seus responsables, no caso de que a auga non sexa potable comunícanselles por escrito os datos e especifícase que son eles os únicos responsables. Desde o Laboratorio municipal recoméndase o tratamento con cloro das augas das traídas veciñais.

As 350 fontes de Vigo analízanse 4 veces ao ano e dictamínase a súa potabilidade se tódolos resultados son óptimos. Moitas delas non se consideran potables se unha soa análise dá resultados negativos, o que provoca un índice de baixa potabilidade. O Laboratorio municipal é o único de España que analiza as fontes na súa totalidade porque é algo moi demandado polos cidadáns.

As análises da calidade de augas das 27 zonas de baño efectúanse coa entrada do bo tempo, cando comezan a acudir os primeiros bañistas, realízanse cada quincena e fanse públicos tres días despois da mostraxe. Isto reforza as análises efectuadas pola Xunta de Galicia.

Ademais, unha vez ao mes analízanse as piscinas de uso colectivo dependentes do Concello de Vigo e os centros especiais como San Francisco, Apam, Hospital Xeral e Aspanaex.

Examínase unha vez ao mes a auga do río Lagares e os seus afluentes en 21 puntos. Destas análises dedúcese que nos últimos anos melloraron os resultados ao se retiraren vertidos directos ao río. Estes resultados son reclamandos para a elaboración de numerosos estudios na Universidade de Vigo.

A auga de chuvia analízase mensualmente en 9 depósitos situados en diversos puntos da cidade co fin de detectar a denominada chuvia aceda. Existen tamén 8 estacións destinadas a controlar a contaminación ambiental mediante a análise de partículas e de compostos derivados do xofre que pertencen á Rede de Control da Xunta de Galicia. O responsable do Laboratorio municipal considera que estes equipos están obsoletos e as medicións que se efectúan non son correctas. Nun futuro preténdese elaborar un mapa de contaminación ambiental aínda que os resultados actuais non sobrepasan os límites permitidos, dectectándose un aumento de polución no inverno debido ás emanacións de calefaccións e maior presencia de vehículos na cidade.

Outro dos labores emprendidos polo Laboratorio municipal é a análise de alimentos mediante campañas en pastelerías, conxelados a granel, ostras e xelados ou a través de denuncias presentadas na Oficina Municipal de Información ao Consumidor. Se se detectan problemas na manipulación de alimentos substitúese o pagamento dunha multa de 90 euros por unha charla informativa na que se lles amosan as placas e diapositivas con bacterias presentes no seu producto e as técnicas recomendables para evitar a presencia de microorganismos nocivos. Neste sentido, o Laboratorio municipal aposta de forma decidida por unha educación e formación hixiénico-sanitaria.

Aos Premios á excelencia hixiénico-sanitaria ”Concello de Vigo” concorreron preto de 50 establecementos e fallaranse o vindeiro 15 de marzo. Isto será un reclamo publicitario para que os clientes escollan un establecemento ou outro.

Control de pragas

A campaña de control de andazos urbanos ten 3 meses de duración e efectúase de maneira intensiva nos sumidoiros polas noites cun seguimento posterior nas zonas que o precisen. Isto realízase tanto para o control de roedores como de cascudas. Nos pavillóns deportivos e piscinas municipais aplícanse tratamentos tódalas semanas.

Iniciouse tamén no 2002 un laborioso traballo de tratamento anti-couza no pazo museo Quiñones de León co fin de eliminar os axentes patóxenos do inmoble.

Avituallamento

O persoal do Laboratorio traballou tamén na recollida de productos de avituallamento para o voluntariado e para os membros da Confraría de pescadores que traballaron na limpeza de fuel derivado da marea negra do ”Prestige”.

Todo este labor das concellerías de Medio Ambiente, Sanidade e Consumo publicarase na revista ”Consumo” que se presentará o 15 de marzo.
Descargar todas as imaxes