Escoitar

Máis dun cento de novas empresas de Vigo benefícianse de axudas no marco do Plan Municipal de Emprego

luns, 16 dec 2002
A Comisión de Goberno aprobou esta mañá, a proposta do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, a adxudicación das axudas municipais á creación de empresas na convocatoria 2002, que supón un total de 107 empresas beneficiarias de nova creación entre as que se distribuíron 225.503 € en subvencións, no marco do Plan Municipal de Emprego, e que xeraron a creación de 174 novos postos de traballo.

Namentres que o ano pasado, por non cumpri-los requisitos da convocatoria, só se puideron conceder axudas ó 30% das solicitudes presentadas, no presente 2002 as empresas beneficiadas acadaron o 80% do total solicitado. Hai que destacar, que máis da metade destas empresas recorreron á axuda do equipo técnico do Servicio de asesoramento a emprendedores da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego para a súa posta en marcha.

Estas axudas son a fondo perdido e a súa finalidade é subvencionar parte do investimento inicial cun importe máximo de 2.400 €, chegando a 2.700 € no caso de que os beneficiarios sexan mulleres ou, como novidade este ano, titulados universitarios sen emprego anterior.

O obxectivo deste tipo de axudas, creadas no marco do Plan municipal de emprego, é apoiar novos proxectos empresariais xeradores de emprego, como unha vía efectiva para a loita contra o desemprego. Puideron acollerse a esta convocatoria os empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas, independentemente da súa forma xurídica, constituídos no período comprendido entre o 1 de novembro do 2001 e o 31 de xullo de 2002.