Escoitar

Festas e Animación Sociocultural programa numerosas actividades de lecer para o Nadal

luns, 16 dec 2002
A concelleira Isaura Abelairas presentou o plan de animación do Nadal que contén actuacións teatrais, concertos de bandas populares, un concurso de rondallas, a cabalgata de Reis e diversos concursos. O presuposto destinado pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural é de máis de 100.000 euros.

As compañías ”Chímpete, Chámpata” e ”Pablo Nojes” actuarán nas parroquias viguesas, igual que as bandas populares de música de Vigo. O 28 de decembro celebrarase no Centro Cultural Caixanova un concerto de Nadal no que actuarán a coral do Real Club Náutico de Vigo, a coral do CRAC de Valadares e a banda popular ”Unión musical de Valladares”.

No concurso de rondallas participarán 12 grupos e celebrarase o 1 de xaneiro no pavillón das Travesas. O primeiro premio será de 2.110 euros, o segundo de 1.810 euros e o terceiro de 1.210 euros. As restantes rondallas recibirán 750 euros e haberá un premio especial ao grupo de abandeirados de 300 euros. As bases pódense consultar no rexistro xeral do Concello.

Haberá tamén un sorteo para os nenos que desexen participar na cabalgata e un concurso de redacción co fin de seleccionar os nenos encargados de asistir á recepción oficial dos Reis Magos.

Do 2 ao 6 de xaneiro de 2003 celebrarase o Parque infantil do Nadal de Vigo con xogos, obradoiros, inchables e actuacións para os máis pequenos.