Escoitar
Un autobús unirá o Calvario e o centro con Torrecedeira

Candeán terá máis frecuencia de paso de autobuses coa nova circular 9

venres, 13 dec 2002
A parroquia de Candeán será a gran beneficiada da posta en marcha, o próximo luns, día 16, da liña Circular 9 do transporte público urbano. O C-9 pasará cada cuarto de hora pola Avda. do Aeroporto e cada media hora polas instalacións deportivas da Madroa e pola Rabadeira unindo Candeán coa praza de América.

A liña C-9 terá dous traxectos: o C-9A, que fará o traxecto entre o Aeroporto e a praza de América, e o C-9B que enlazará os campos da Madroa coa praza de América. Ámbalas liñas terán un percorrido común entre a Avda. do Aeroporto e García Barbón, polo que nese traxecto pasará un autobús cada cuarto de hora.

Outra novidade é que o C-9B circulará polo Berbés e Torrecedeira en dirección á praza de América. Desta forma dótase á rúa Torrecedeira dun servicio de autobuses procedente do Calvario e do centro da cidade, do que carecía ata agora.

Outro cambio na rede de transporte público urbano que se porá en marcha o luns é a implantación da liña 20 (O Freixo-Praza de España). Con ela darase servicio non só ao Freixo, senon tamén a Matamá e Fragoso. Tamén comezará a funcionar o luns a liña 12B que proporcionará aos veciños de Matamá, Pereiró e Fragoso un enlace directo co Hospital do Meixoeiro cada 60 minutos.