Escoitar

Máis de 7.000 mulleres participan nos servizos de asesoramento e formación do Concello

A concelleira de Benestar, Isaura Abelairas, fixo un balance positivo das actividades que dende o concello se están a promover en favor da igualdade e da defensa das mulleres maltratadas. En rolda de prensa explicou que son máis de sete mil as mulleres que participan nos obradoiros formativos e nos servizos de asesoramento municipais.

luns, 26 mai 2014
1401119219isaura.JPG
A concelleira de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística, Isaura Abelairas, valorou e puxo de manifesto na mañá deste luns as actividades que abranguen a coordinación do Centro de Información Municipal, A Casa das Mulleres, e o centro de Documentación Feminista. Desde estes servizos se están dirixindo e compaxinando todas as actividades (agás as que se fan dende as asociacións veciñáis), e contan cunha dotación de 64.000 euros. Abelairas recalcou a elevada participación das mulleres: 5.634 participan nos obradoiros formativos e fan uso do servizo de asesoramento no Centro de Información, no que se contabilizaron 2.181 consultas no que vai de ano.

A concelleira destacou o Servizo de Atención á Infancia que presta atención a mulleres en risco, e que está composto de dous servizos. O primeiro deles, a través dos servizos de Benestar Social, comprende un programa de infancia e familia que xa recibiu máis de 70 cativos, e outro de atención á infancia ,coordinado desde a Casa das Mulleres, que ofrece acompañamento, comparecencia ante calquera administración, ingresos hospitalarios ou accidentes.

Isaura Abelairas sinalou, ademáis, a colaboración con outras entidades como a "Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto" ou a asociación "Nos mesmas", e deu conta dun curso de Educación Sexual para a Poboación Inmigrante, que se saldou coa participación de 26 mulleres. Un éxito que fai que dende a concellería xa se estén a plantexar unha segunda edición.

Outras actividades que destacou Abelairas foron os cursos de manipulación de alimentos, os ciclos de cine infantil, ou o programa "Camiña con nos pola igualdade" realizado en 23 colexios coa participación dos máis cativos.

A concelleira quixo subliñar a total coordinación coa Rede de Mulleres polos malos tratos, e coa Policía Local. Esta coordinación ponse de manifesto na reunión que, mensualmente, ten lugar entre os distintos colectivos e que analiza todas as actividades que se están levando a cabo para buscar fórmulas de mellora.

En cifras, Isaura Abelairas destacou a actividade do Centro Municipal de Información dos Dereitos das Mulleres, que ofrece atención psicolóxica, social e multidisciplinar, e que conta cun presuposto de 226.000 euros outorgado polo Concello, as 3 vivendas de titularidade municipal coa posibilidade de 15 prazas para mulleres vítimas de violencia de xénero, ou os 3.177 servizos de atención a menores de 12 anos.
Descargar todas as imaxes