Escoitar

Todos os grupos solicitan ao Goberno Central que resolva as convalidacións dos títulos de enxeñeirías da Universidade de Vigo

Os tres partidos políticos coindiron hoxe ao urxir ao Goberno Central a axilizar as convalidacións ao Plan Bolonia das titulacións da Universidade de Vigo. Outra das mocións populares que se aprobaron esta mañá foi instar á Xunta a analizar a viabilidade dunha unidade de afectados de lesións medulares na área de Vigo.

luns, 28 abr 2014
Todos os grupos apoiaron esta mañá unha moción popular, enmendada polos socialistas, para esixir ao Goberno de España a resolución, da forma máis axeitada e rápida, dos problemas de convalidacións dos títulos expedidos nas enxeñeirías da Universidade de Vigo. O texto fai referencia a que Vigo conta con diversas titulacións técnicas e superiores que teñen un recoñecido prestixio nacional e internacional a pesares do que moitos titulados se atopan con problemas para a súa convalidación ao Plan Bolonia. A enmenda socialista, aceptada no debate polo partido propoñente, aboga polo establecemento no Marco Europeo de Cualificacións dunha equivalencia ao mesmo nivel Máster e Enxeñeiro/Arquitecto/Licenciado por unha parte, e pra Grao e Enxeñeiro Técnico/Arquitecto Técnico/Diplomado por outra parte, na liña da proposta do Goberno, pero mediante un Real Decreto tramitado de forma áxil e efectiva.

O Pleno da Corporación tamén optou, a petición do PP, por pedirlle á Xunta que valore a atención que se ven prestando aos afectados de lesións medulares na área de Vigo e analizar a viabilidade dunha unidade de seguimiento da EOXI de Vigo. Nesta ocasión, o texto foi aprobado cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención do BNG.

O concelleiro popular Roberto Relova foi o encargado de defender unha moción sobre o deseño dunha programación cultural en torno ás Cantigas de Martín Códax, que tamén obtivo o respaldo de todos os grupos. O Pleno acordou organizar unha programación rigorosa e lúdica para potenciar en Vigo a imaxe deste extraordinario monumento literario musical coincidindo con que este ano se celebra o centenario do descubrimento do Pergamino Pindel.

Por último, o PP tamén consguir aprobar, neste caso coa abstención do resto de grupos, unha moción que insta á creación dunha comisión composta polo resto dos grupos políticos e técnicos involucrados no desenvolvemento de Samil para acadar unha postura de consenso en canto ao futuro do principal areal vigués.