Escoitar

O Concello solicitará catro titulacións para a nova sede da UNED de Vigo

Este martes tivo lugar o acto de apertura da aula viguesa da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), ubicada no Casco Vello, tras o que o alcalde confirmou que o goberno local solicitará "o antes posible" as titulacións de Dereito, Educación Social, Psicoloxía e Economía.

martes, 19 feb 2013
1361293899uned.JPG
Así o anunciou o rexedor ao remate do acto oficial de apertura da aula viguesa da UNED, presidido polo Reitor da Universidade, Juan Antonio Gimeno, que acollerá inicialmente ao alumnado dos cursos de acceso á entidade para maiores de 25 anos.

Abel Caballero xa deu "instruccións ás concelleiras de Educación e Facenda" para levar "o antes posible" á Xunta de Goberno Local a solicitude formal á Universidade para impartir en Vigo catro titulacións, para o cal será preciso un novo espazo na cidade que o Concello xa ten "localizado" mais o rexedor optou por non desvelar polo momento.

O alcalde xa anunciara onte que o Concello reclamaría para Vigo as catro carreiras con máis alumnado vigués das que se imparten no Centro Asociado de Pontevedra, onde un de cada tres estudantes proceden da primeira cidade de Galicia, segundo apuntou. Caballero salientou que a apertura da aula de Vigo, que financia íntegramente o Concello de Vigo con 100.000 euros, responde a unha "larga demanda" da cidadanía.
Descargar todas as imaxes