Escoitar
Alcaldía

Bando Día da Constitución

<br />

venres, 7 dec 2012
Veciños e veciñas,

Un día como hoxe, hai dez anos, a angustia e a rabia levounos a limpar a ría do infame chapapote coas nosas propias mans; ese día, aínda resoaba nas rúas de Vigo o eco do noso inmenso berro:¡NUNCA MAIS!.Defendíamos, como di a nosa Constitución, con "solidariedade colectiva", o dereito de todos a un medio ambiente adecuado; defendíamos o dereito ao traballo e á libre empresa de quen vive do mar; e reivindicámolo exercitando outro dereito constitucional: o de manifestación. Eramos protagonistas democráticos das nosas propias vidas.

Neste 2012, cúmprese o bicentenario doutra Constitución, a "Pepa"; foi un fito na abolición do absolutismo e o recoñecemento da soberanía nacional, pasamos de súbditos a cidadáns. Pero tamén foi unha Constitución para a que a cidadanía era tan só para un grupo minoritario escolleito: homes e propietarios.

A Constitución de 1978, en cambio, defínenos como un Estado social e democrático: homes e mulleres; ricos ou pobres; de calquera idade, pensamento, raza, relixión ou orientación sexual, todos somos cidadáns aos que deben garantirnos, en igualdade, os nosos dereitos fundamentais. E todos temos dereito a participar na consecución dunha sociedade máis xusta, máis prospera, máis solidaria, máis democrática. Porque dese Pacto constitucional, no que todos cedemos algo, todos debemos beneficiarnos.

Porén, vivimos agora co desacougo de ver ese Pacto a piques de esmorecer. A angustia de asistir ao incremento diario do paro, ao goteo de peches de empresas e comercios, ao drama dos desafiuzamentos, ao fraude aos pequenos aforradores, ao crecemento imparábel da pobreza na nosa cidade; á angustia de sentir como se esvaece o futuro dos nosos fillos, con menor apoio educativo para os menos avantaxados, con becas minguantes, cunha Universidade máis cara, cunha taxa abraiante de paro xuvenil; a angustia de vivir decotío como se vai restrinxindo o dereito de acceso aos servizos públicos: á sanidade, á educación, aos servizos sociais, á xustiza. A angustia de que as nosas institucións se teñan quedado obsoletas, que teñamos a sensación de que non é alí onde se decide democraticamente o noso destino, que o interese xeral subordínase ao interese económico, que non se nos escoita a todos, cando queremos participar no debate. A angustia, en fin, de que esteamos poñendo en risco os valores de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo, sen os cales a convivencia á que alude o preámbulo constitucional non sería posible.

Se a angustia enxendra o medo e a insolidariedade, se permitimos que os nosos dereitos sexan privilexio duns poucos ou mero obxecto de negocio, o Pacto Constitucional pode morrer. Esta homenaxe á Constitución sería unha grande farsa se non servise de reflexión para todos: para que as Administracións Públicas matinen como solucionar as súas disfuncións e feblezas, como mellorar a participación cívica e analicen se están a cumprir a súa obriga constitucional de procurar a igualdade efectiva dos máis vulnerables e de garantir os dereitos fundamentais de todos; para a cidadanía, é o día de renovar a nosa promesa: nunca máis, nunca máis deixaremos de ser protagonistas do Pacto Constitucional, porque a democracia social é nosa.

Vigo, 6 de decembro de 2012

O alcalde,
Abel Caballero Álvarez




Este bando foi redactado por MªTeresa Conde-Pumpido Tourón, presidenta do Consello Consultivo de Galicia