Escoitar

O alcalde anuncia novas medidas para divulgar a "capacidade" turística da cidade

Abel Caballero informou da contratación de 7 persoas para divulgar de Vigo nos eventos que acolla a cidade, a elaboración dun proxecto promocional para Asia pola presencia no Celta da estrela surcoreana Park, a realización de rutas, a creación dun Centro de Interpretación e a designación de Carlos Núñez como embaixador de Vigo.

venres, 7 dec 2012
1354897380turismo.JPG
Abel Caballero informou este venres dunha serie de medidas que vai adoptar o goberno local para amosar a "capacidade" da cidade en materia turística.

Esta mañá, o alcalde rubricou un convenio coa Vigo Convention Bureau -dentro do Plan Municipal de Emprego- pola que o Concello achega 42.700 euros para a contratación de 7 persoas que estarán presentes nos eventos (feiras e congresos, por exemplo) para a promoción turística de Vigo entre os visitantes.

Por outra banda, o Concello validou un proxecto de comercialización turística no mercado asiático aproveitando que a estrela surcoreana de fútbol Park xoga no Real Club Celta de Vigo, algo que multiplicou por dez as novas de España neste país. Segundo explicou Caballero, o goberno local encargará a unha empresa a elaboración dunha proposta orientada a utilizar a imaxe do futbolista para promocionar a cidade, co obxecto de contactar con touroperadores e que traigan a Vigo a turistas desde Asia nas súas rutas por España -aproximadamente 100.000 surcoreanos chegan ao país cada ano-.

O goberno local promociona asemade a cidade con distintas rutas turísticas. Vigo Antigo leva aos turistas pola zona vella da cidade, en Vigo Marítimo o visitante apreciará a relación de Vigo e o mar e a súa evolución, a Ruta Señorial é un percorrido pola arquitectura en pedra da cidade a través dos seus grandes nome, o Vigo de Onte e Hoxe abonda nas etapas da cidade a través da súa arquitectura e o Vigo Industrial para amosar a potencialidade viguesa nos distintos sectores produtivos.

O alcalde tamén anunciou a licitación do Centro de Interpretación de Vigo e a súa Ría, un proxecto no que o goberno vigués investirá 237.000 euros xunto á estación de ría. A ría será a "imaxe motriz" e a figura de Julio Verne terá especial presenza nesta iniciativa.

Por último, Caballero anunciou a designación de Carlos Núñez como embaixador da cidade durante os seus concertos. Esta proposta está xa en marcha e Vigo foi promocionada mediante vídeos nas actuacións do artista en América e no lanzamento do seu novo disco, que incluirá tres concertos en Vigo, Barcelona e Madrid.
Descargar todas as imaxes