Escoitar
PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Cursos gratuítos de Iniciación á Informática para os máis maiores

O Concello de Vigo, mediante a concellería de Participación Cidadá, pon en marcha un programa de Iniciación á Informática para maiores de 55 anos. Os cursos impartiranse no Centro Cívico de Teis e no Centro Municipal de Emprego a partir do 10 de setembro.

mércores, 29 ago 2012
Outro ano máis, o Concello ofrece aos maiores unha sinxela integración e incorporación ao incipiente mundo das novas tecnoloxías de información e comunicación. Estes cursos gratuítos para maiores de 55 anos pretenden achegar ás xeracións menos familiarizadas coa informática e internet, as tremendas posibilidades destes actuais dispositivos.

Os cursos comprenden, ademais de Iniciación á Informática, módulos de instrución en Trámites Electrónicos coa Administración e en Uso Seguro de Internet para nais e pais. Esta formación abrangue dende o 10 de setembro ata o 28 do mesmo mes, con horarios en tódolos casos de mañán.

O Centro Cívico de Teis e o Centro Municipal de Emprego, situado na rúa Oporto nº1, serán os emprazamentos escollidos para impartir as clases, aos que haberá que acudir coa inscrición feita previamente no teléfono 010, onde os cidadáns poderán requirir a información que desexen. Para poder acceder ó curso gratuíto débese cumprir con dous requisitos básicos, estar empadroado no Concello de Vigo e non ter realizado o mesmo curso en edicións anteriores.


Calendario:

CENTRO CÍVICO DE TEIS

Trámites Electrónicos coa Administración
Datas: 10 e 12 de setembro de 2012
Horario 10:30 a 12:30 h

Uso Seguro de Internet para nais e pais
Datas: 17 e 19 de setembro
Horario: 10:30 a 12:30 h

CENTRO MUNICIPAL DE EMPREGO

Trámites Electrónicos coa Administración
Datas: 11 e 13 de setembro de 2012
Horario 10:30 a 12:30 h

Uso Seguro de Internet para nais e pais
Datas: 18 e 20 de setembro
Horario: 10:30 a 12:30 h

Iniciación á Informática para maiores de 55 anos
Datas: 24, 25, 26, 27 e 28 de setembro
Primeira quenda: 09:30 a 11:30
Segunda quenda: 12:00 a 14:00