Escoitar
XERENCIA MUNICIPAL DE URBANISMO

INSPECCIÓN TÉCNICA DE EDIFICACIÓNS (ITE) - 2012

venres, 24 ago 2012
Lémbrase á cidadanía que, de acordo co sinalado na disposición transitoria única da Ordenanza municipal reguladora da Inspección Técnica de Edificacións (ITE) (BOP núm 221, do 17 de novembro de 2010) do Excmo. Concello de Vigo, durante este ANO 2012 deberán pasar a súa primeira inspección AS EDIFICACIÓNS CONSTRUÍDAS NO ANO 1981.

A listaxe destas edificacións pode consultarse na páxina web do Concello (www.vigo.org) no apartado Xerencia Municipal de Urbanismo – ITE e, así mesmo, nos taboleiros de anuncios do Concello e da Xerencia Municipal de Urbanismo.

QUE É A ITE?

A ITE é unha INSPECCIÓN QUE DEBEN PASAR TODAS AS EDIFICACIÓNS, CALQUERA QUE SEXA O SEU DESTINO (vivendas, oficinas, industria, comercio, etc.), EN FUNCIÓN DA SÚA ANTIGÜIDADE PARA ACREDITAR O SEU ESTADO DE SEGURIDADE CONSTRUTIVA. Permite que se acometa, a tempo, a execución das medidas inmediatas que eviten tanto os riscos para a seguridade das persoas coma a necesidade de afrontar reparacións máis complexas e custosas.

QUEN ESTÁ OBRIGADO?

Todos/as os/as propietarios/as, persoas físicas ou xurídicas titulares de calquera tipo de ben inmoble.

COMO SE PASA A INSPECCIÓN?

A inspección debe realizarse por profesionais independentes legalmente facultados para levar a cabo esta función. As persoas propietarias deberán encargar a un/unha técnico/a competente a expedición do informe de inspección e facilitarán ao/á dito/a técnico/a a visita de inspección a todas as dependencias da edificación. Unha vez efectuada a inspección farase constar o seu resultado nun impreso normalizado que deberá ser presentado no colexio profesional correspondente e no Rexistro Xeral da Xerencia Municipal de Urbanismo. O seu resultado quedará reflictido nun rexistro de edificacións creado para o efecto.

CANTO CUSTA?

O seu custo será o libremente pactado cos/coas profesionais que a propiedade ou comunidade de propietarios contrate para realizar a inspección.
A finais do mes de setembro haberá unha Convocatoria de axudas ás persoas propietarias que carezan de recursos suficientes para a realización da ITE correspondente ao ano 2012 e que sexan propietarias dun único ben inmoble que sexa a súa vivenda habitual.
HAI SANCIÓN POR NON PRESENTAR O INFORME?
O incumprimento de presentación do informe en prazo constitúe unha infracción urbanística leve, sancionable con multa de 300 a 6000 €. Non se poderán conceder axudas municipais á rehabilitación total ou parcial das edificacións sen cumprir en prazo coa obriga de presentar o informe de ITE.
Para calquera aclaración pode consultar a páxina web do Concello ou chamar ao teléfono de información de Atención Cidadá 010.