Escoitar

O alcalde felicita ao vigués Toni Otero, adestrador do equipo de regatas que obtivo o ouro en Londres

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, felicitaron hoxe a Antonio Otero, o adestrador das regatistas Echegoyen, Toro e Pumariega, ouro olímpico en match race (barco fronte a barco) nos Xogos de Londres.

xoves, 23 ago 2012
1345727341toniotero.jpg
Durante quince minutos, Otero (Vigo, 1972) explicou como empezou este proxecto de tripulación de match race ao comezo do ciclo olímpico baixo o paraugas da Federación Galega de Vela, para pasar despois a ser continuado pola Española. O vigués indicou que en Londres "saíu todo perfecto", fundamentalmente porque o equipo de regatas foi invitado con anterioridade polo equipo ruso e o estadounidense a adestrarse no campo de regatas de Weymouth.

Otero, arquitecto de profesión aínda que agora dedicado profesionalmente á vela pesada, destacou que "se conseguiu o ouro nunha modalidade que non ten tradición en España".

O alcalde interesouse polo estado de tensión que Otero viviu durante a proba. "Antes da última regata, a xornalista da BBC entrevistoume e, ao rematar, díxome que se me notaba que estaba máis nervioso que a tripulación. É certo que estás moito máis nervioso que elas, que están concentradas mentres eu só podía mirar. Ao contrario que noutras competicións, que podes seguilas dende unha zodiac, nos Xogos non querían a ninguén no campo de regatas máis que aos dous barcos, e a nós tíñannos como recluídos eses dezaoito minutos que aproximadamente duraba cada match race, só podías falar con elas entre regata e regata", manifestou Otero.

Caballero felicitou a Otero por guiar ás tres deportistas (galegas dúas delas)/delas) e díxolle que "a medalla avala a túa capacidade como adestrador".

Otero, que empezou coa vela no Náutico aos 13 anos aínda que inicialmente practicaba a natación nese club, foi campión do mundo de clase cadete en 1989. O ano pasado, adestrou ao Bribón, gañador da Copa do Rei en augas de Barcelona. Agora valora proxectos e afirma que "no outono se comezarán a perfilar posibilidades".

O técnico olímpico pediu ao xefe do goberno local e ao concelleiro de Deportes que o Concello apoie a vela nas categorías de formación "para abrir base".
Descargar todas as imaxes