Escoitar
Castrillo asegura que a feira contribúe ao crecemento e modernización da industria pesqueira viguesa

O alcalde critica a proposta de reforma da Política Comunitaria de Pesca na inauguración de Conxemar

martes, 1 out 2002
imx1816.jpg
Recinto feiral

Discurso do alcalde na inauguración de Conxemar:

Unha das apostas estratéxicas das institucións e os axentes sociais da nosa cidade é a de impulsar a organización de eventos relacionados coas actividades máis presentes no noso tecido económico, aquelas que se centran en sectores básicos da economía da nosa comunidade. Unha desas actividades é, por suposto, a pesca e a súa industria transformadora e comercializadora.

Esa foi a razón pola que saudamos con alborozo, hai xa algúns anos, a creación da feira Conxemar. O primeiro porto pesqueiro de Europa, sede de medio cento de empresas do sector do conxelado, e base de servicios loxísticos avanzados tiña que contar cun certame feiral destas características, onde se deran cita empresas transformadoras de peixe, maioristas, exportadores, e industrias auxiliares procedentes de todo o mundo.

O potencial económico de Vigo, o seu dinamismo industrial e comercial, a súa capacidade de atracción e influencia sobre unha ampla área xeográfica, fan da nosa cidade un lugar estratéxico para o desenvolvemento deste tipo de eventos. Todos estes factores son os que permiten o constante crecemento da actividade feiral na nosa cidade. Só nos últimos tres años se duplicou o número de certames celebrados neste recinto e aumentou a cifra de visitantes anual ata situarse en preto de 800.000.

A feira Conxemar é unha das citas máis importantes do calendario feiral de Vigo. Hoxe está consolidada e da súa solidez son ben expresivos os datos de expositores e paises participantes. Vigo é o mellor lugar de Europa para manter contactos comerciais no ámbito da comercialización de productos pesqueiros e a prueba témola estes días en Conxemar, un acontecemento que converte a nosa cidade en lugar de encontro de milleiros de profesionais do sector.

Conxemar é un valioso instrumento para potenciar as relacións comerciais das empresas galegas do conxelado, pero tamén é un reflexo do enorme potencial da industria viguesa e un elemento moi importante para a proxección internacional da nosa cidade. Feiras coma esta contribúen en boa medida a reforzar a imaxe de Vigo como unha urbe moderna que exerce con eficacia o seu papel de líder europea no sector pesqueiro.

Manter esa posición de liderado é unha tarefa nada doada na que están empeñados todos os axentes que participan nos diferentes segmentos da actividade pesqueira. A tradición pesqueira de Vigo, a nosa capacidade tecnolóxica e a cualidade dos productos que aquí se elaboran son valores aos que con demasiada frecuencia se contrapoñen decisións políticas transnacionais que supoñen serios atrancos para que o noso país siga a ser o punto de referencia internacional no sector.

A proposta de reforma da Política Pesqueira Comunitaria preséntase como unha nova ameaza para a pesca galega. Outra volta propónsenos o despece da flota como panacea para a protección e recuperación dos recursos. Coido que interpreto un sentir maioritario cando me pronuncio a prol dun desenvolvemento sostible das pesquerías que, sen dúbida ten que apoiarse en medidas proteccionistas. Pero tamén creo recoller unha opinión xeralizada ao afirmar que o despece masivo de barcos non é a solución, senon unha medida que produciría en Galicia unhas negativas consecuencias socioeconómicas probablemente irreversibles.

Galicia, Vigo, non pode pagar o alto prezo dunha reforma pesqueira que non considera en absoluto a importancia que esta actividade ten para o noso tecido socioeconómico. Son necesarias medidas tendentes a implementar os principios de pesca responsable e de mercados responsables, pero sempre garantindo a viabilidade social e económica da industria pesqueira. Compre reclamar que a Unión Europea aplique as mesmas reglas do xogo para todos os estados membros.

O sector pesqueiro e transformador galego xa superou no pasado momentos difíciles. Estou convencido de que o seguirá facendo, polo que Conxemar ten ante sí un futuro prometedor. A consolidación da feira alimenta o sector e o axuda a medrar e modernizarse. É por iso que dende as institucións prestamos un apoio decidido aos organizadores deste evento, aos que quero felicitar sinceiramente pola positiva evolución do certame.

Vigo, xa o mencionei, é a capital europea da pesca. Estes días esa afirmación cobra aínda máis forza coa celebración de Conxemar.
Descargar todas as imaxes