Escoitar
O Pleno fixa o 28 de marzo e 16 de agosto como festas locais para o 2003

O Concello asume o mantemento e conservación dos viais ó aeroporto, primeiro cinto e Travesía de Vigo

luns, 30 set 2002
imx1810.jpg
Sesión plenaria
A Corporación municipal aprobou hoxe en sesión plenaria asumir o mantemento e conservación dos viais de acceso ó aeroporto, do primeiro cinto (dende a avda. de Madrid a Castrelos, acceso ó Porto e Castelao-Bouzas) e da Travesía de Vigo. Asómesmo acordouse solicitar do Ministerio de Fomento que estas vías e os terreos afecto a estas pasen a formar parte do viario municipal e comunicar o acordo á Demarcación de Estradas do estado en Galicia co fin de inicialo procedemento de cambio de titularidade.

O Pleno aprobou o proxecto de urbanización do Peri IV-05 Travesía de Vigo-Aragón, que abrangue unha ampla área situada entre a rúa Aragón e o camiño de Pinelas. O proxecto prevé a conexión peonil entre a rúa Aragón e o camiño de Pinelas a través de escaleiras e ramplas peonís e a creación de xardíns no contorno. Tamén se habilita espacio para o acceso de vehículos aos inmobles.

O Plan Especial de Protección e Reforma Interior de Bouzas aprobouse no pleno de hoxe e ten como prioritario facilitar a rexeneración dun dos barrios históricos da cidade para conseguir atraer novos residentes. O Plan establece mecanismos de protección dos edificios de máis valor arquitectónico, e prevé o incremento de zonas verdes e a dotación de servicios sociais e culturais. Isto potenciarase coa declaración de Área de Rehabilitación Integral, que permitirá a obtención de axudas, semellantes ás do Barrio Histórico, para a rehabilitación de vivendas.

O Pleno deu o seu visto e prace ao convenio que permitirá abordar a cuarta fase do programa de rehabilitación de vivendas do Barrio Histórico. Este convenio, que asinará o Concello co Instituto Galego da Vivenda e Solo, permitirá conceder axudas para a rehabilitación de 50 vivendas.

Outros asuntos aprobados na sesión de hoxe refírese ós festivos locais para o vindeiro ano, quedando o 28 de marzo, día da Reconquista da cidade: e 16 de agosto, festividades de San Roque. Aprobouse a rectificación do Inventario municipal de Bens e dereitos dando de baixa o camiño-ramal que vai dende a estrada do Vao ata a finca particular nº28 no barrio de Moláns da parroquia de Coruxo.
Descargar todas as imaxes