Escoitar
O alcalde chama á unidade de partidos e forzas sociais para defender os intereses da cidade

Castrillo afirma que o Goberno trata a Vigo con desprezo nos presupostos do Estado

venres, 27 set 2002
imx1803.jpg
Lois Castrillo
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, manifestou que o proxecto de presupostos do Estado presentado polo goberno español representa un claro desprezo por Vigo, xa que non recolle as súas necesidades máis perentorias. O alcalde dixo que, agás a partida prevista para a construcción do cinto de circunvalación, no proxecto non se reflicte ningún compromiso presupostario coas obras que os cidadáns de Vigo están a reclamar dende hai anos.

Lois Castrillo sinalou que é especialmente significativo que, excluíndo o 2º cinto, a partida máis importante que o goberno central destina a Vigo sexa para a execución dun proxecto que ten unha ampla contestación social. “É indignante”, dixo Castrillo “que se dediquen 600.000 euros a un recheo que non está xustificado mentres só se destinan uns insignificantes 4.000 euros á reforma dunha autovía na que perderon a vida 90 persoas na última década”.

Aeroporto

O alcalde vigués preguntouse que criterios de investimento se manexan en Madrid para discriminar ao aeroporto que máis crecemento de viaxeiros está a experimentar en Galicia nos últimos anos. Castrillo calificou como claramente insuficiente o diñeiro que se destinará a melloras en Peinador, cando ninguén pode discutir que é un aeroporto cunha crecente demanda e ademáis existe un amplo consenso cidadá respecto á urxencia de comezar a aplicar o seu Plan Director.

O alcalde de Vigo cre que a súa reclamación non pode ser tildada de localista e a considera xusta e razonable: “non se trata de que se lle neguen investimentos a outros aeroportos, senon de que se atendan as necesidades de Vigo”.

Tren

Castrillo tamén se referiu aos investimentos previsto no ferrocarril. Lamentou a falta de partidas para afrontar o enlace de Vigo coa meseta e con Portugal a través da alta velocidade e contrapuxo este dato co recente anuncio do goberno portugués de que construirá unha liña de alta velocidade entre Porto e a fronteira galega: “gustaríame que o goberno de Madrid entendera a importancia das relacións Galicia-Portugal tan ben como as entende o goberno de Lisboa”. O alcalde cre que o executivo de Aznar non ten entre os seus obxectivos construir a rede de alta velocidade en Galicia e por iso manifesta que se conformaría con que alo menos houbera un compromiso explícito de que Vigo teña un enlace co AVE portugués.

Chamamento

Lois Castrillo fixo un chamamento a todos os partidos e forzas sociais de Vigo e da súa bisbarra para que debatan sobre as contas do estado e se unan na defensa dos intereses da cidade: “debemos dicir basta e reclamar xuntos que o goberno central cumpra os seus compromisos con Vigo”.
Descargar todas as imaxes