Escoitar

Traslado dos tigres comisados por Medio Ambiente ós propietarios do circo Bigfoot

venres, 27 set 2002
Dous tigres pertencentes á partida comisada pola Consellería de Medio Ambiente ós propietarios do Circo Bigfoot serán trasladados o luns dende as instalacións de Vigozoo ó centro de recuperación e acollida de animais salvaxes pertencente á Asociación Proarca de Noé, ubicado en Benimantell (Alacante).

Neste centro, os dous tigres compartirán con outros exemplares da mesma especie unha instalación con vexetación onde poderán permaneceren alí o resto da súa vida en mellores condicións. Este centro xa acolleu o pasado mes de xuño os dous osos da mesma partida comisada, que disfrutan dunha instalación construída expresamente para eles.

Os dous tigres que se trasladarán permaneceron nas instalacións de Vigozoo dende o 29 de agosto do ano 2001, data na que foron recollidos dun camión estacionado no casco urbano de Bueu, na estrada Marín-Cangas. Os animais, un león, dous tigres e dous osos pardos, catro serpes pitón, oito cans e un poni, permanecían en estado de abandono dende o día 26, soportando altas temperaturas e sen subministro de auga ou comida. Ademais, o camión non reunía as mínimas condicións hixiénico-sanitarias esixidasa pola lexislación. Por outra banda, carecía das medidas de seguridade que pudieran impedir a evasión dos animais. Posteriores informen veterinarios certificaron o estado lamentable dos exemplares.

Ademais, os propietarios dos animais, pertencentes ó circo Bigfoot, que se atopaba de xira por Galicia, tampouco pudieron presentar a documentación CITES en regla. Este motivo, unido á situación que presentaban os diferentes exemplares, obrigou á execución dunha intervención urxente pola Consellería de Medio Ambiente, dándoselles traslado ás instalacións do organismo autónomo municipal Vigozoo.

Neste recinto, os exemplares comezaron a recuperarse satisfactoriamente, excepto o león, que morreu en decembro pasado debido probablemente ás lesións resultantes da súa vida no circo.

Comiso

Como consecuencia dos feitos decritos, celébrase xuízo oral contra a responsable do circo. Con data 18 de febreiro de 2002, unha sentencia absolve á propietaria do circo e ordena que se lle entregue o camión e os animais retidos. A partir deste momento, comeza a mobilización de diferentes organismos públicos e organizacións non gubernamentais para evitar esta medida.

Con data do 14 de marzo deste ano, a Consellería de Medio Ambiente procedeu a abrir un expediente sancionador á propietaria do circo, á vez que ordenada o comiso dos exemplares que se atopaban en Vigozoo, medida que se tomou de xeito cautelar en tanto non rematara a tramitación formal do expediente sancionador por presuntas infraccións graves e moi graves á lexislación galega de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, así como á lexislación sobre tenza de animais potencialmente perigosos.

A partir dese momento, iniciáronse as xestións para buscar un destino máis axeitado e definitivo para os animais, debido a que en Vigozoo estes se mantiñan en instalacións provisionais.

Traslado

Dende un primeiro momento, a Asociación Proarca de Noé amosou a súa sensibilidade e colaboración por esta causa e brindaron toda colaboración neste tema. Esta colaboración materializouse no traslado dos dous osos o pasado mes de xuño e no traslado mañá dos dous tigres. Deste xeito, a historia destes animais chegará o luns o seu final feliz, despois dunha vida marcada polas pésimas condicións nas que se atoparon.

Cómpre subliñar que este fin foi acadado gracias á vontade de cooperación entre a Consellería de Medio Ambiente, o Seprona, o Zoo de Vigo e diferentes organismos de defensa animal como WWF-Adena, Asociación para a Liberación Animal, Ecoloxistas en Acción, Asociación DEPANA, Asociación Proarca de Noé, e asociacións protectoras de animais da provincia de Pontevedra, entre outras. O esforzo e implicación dos diferentes actores permitirá que este animais disfruten dun entorno digno o resto da súa vida.