Caballero anima aos xoves árbitros de fútbol ascendidos a compaxinar a súa actividade, "prodixiosa e de instinto", cos estudos

O alcalde da cidade, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, recibiron hoxe aos catro membros do colectivo arbitral vigués que ascenderon de categoría este verán. "Estou moi orgulloso de vós e quérovos ver pronto ascendendo de novo", manifestoulles.

martes, 17 xul 2012
1342526524arbitros.jpg
David Pérez Pallas (novo Segunda A), Rubén Extremadura e Uxío Caamaño (3ª División) e Elena Casal (Rexional Preferente) estiveron acompañados por Fernando Iglesias, presidente da delegación de Vigo do Colexio Galego de Árbitros, e por Enrique González, presidente da delegación viguesa da Federación Galega de Fútbol.

Durante vinte minutos, Caballero interesouse pola difícil tarefa dun árbitro e coñeceu de primeira man o desexo de David Pérez de ascender no futuro a Primeira División. "É complicado pero confío en chegar", dixo aos presentes na recepción. O primeiro edil departiu con todos e cada un dos colexiados e interesouse polas particularidades deste sector, comezando por quen decide os ascensos e recibindo a explicación axeitada sobre os informadores Iglesias e o propio árbitro ascendido, o máis novo das ligas profesionais cos seus 24 anos. O rexedor amosouse especialmente satisfeito por que o novo Segunda compaxina a súa actividade arbitral con cuarto curso de Enxeñería de Telecomunicación e insistiu en que "non deixe a súa carreira". Agora, arbitrará cada quince días (son vinte e dous árbitros na denominada Liga Adelante), apuntando tamén que "non vou co ritmo que me gustaría".

O alcalde, que lembrou coincidir en múltiples oportunidades con Taboada Soto, que foi árbitro vigués en Primeira División entre 1986 e 1993, ano no que desafortunadamente faleceu, comparou a tarefa arbitral coa actividade que lle ocupa ("somos árbitros en política", dixo), insistiu en valorar o éxito dos árbitros locais e confesou a súa admiración por este estamento: "É prodixioso o que facedes; enfócanche a xogada en vinte tomas, con zoom, e aínda así hai dúbidas... Pero tedes instinto, porque hai que decidir nunha décima de segundo e non dá tempo a pensar". Abel Caballero tamén se interesou por cuestións como o da presión ambiental sobre os colexiados, entendendo ademais tanto Iglesias como el mesmo que "Balaídos é un estadio tranquilo para os árbitros".

A delegación viguesa conta cuns 150 árbitros que dirixen ao redor de 300 partidos cada fin de semana. Dáse a circunstancia de que todos os árbitros recibidos polo goberno municipal pitaron este ano ou en anteriores edicións a Vigo Cup, o torneo internacional de fútbol base que é referencia do verán vigués. Dende o colectivo arbitral agradeceuse o xesto do Concello de pór en valor a actividade arbitral con este pequeno recoñecemento institucional.

O ascenso de Elena Casal supón que quince anos despois haberá unha árbitra viguesa en Preferente, dirixindo partidos por toda Galicia. Por toda a comunidade autónoma tamén arbitrarán Extremadura e Caamaño.

Pérez Pallas viaxará o vindeiro sábado 28 a Santander para asistir ás xornadas físicas e técnicas dos colexiados de Segunda, do 29 de xullo ao 4 de agosto na Albericia.
Descargar todas as imaxes