Escoitar

O Campionato de patinaxe artística e danza trae a Vigo as mellores figuras europeas

mércores, 4 set 2002
imx1726.jpg
Cartel
O Campionato europeo de patinaxe artística e danza celebrarase do 9 ao 14 de setembro no pavillón central das Travesas e no pavillón do Carme. Máis de 130 deportistas de doce países participarán nesta competición que conta coa colaboración da Concellería de Deportes na súa organización.

As mellores figuras das categorías junior e senior de Italia, Francia, Alemaña, Portugal, Inglaterra, Eslovenia, Croacia, Suíza, Holanda, Bélxica, Austria e España daranse cita en Vigo para participar nas competicións individuais femininas (figuras obrigatorias, disco libre e combinada), masculinas (figuras obrigatorias, libre e combinada) e por parellas.

Os organismos que convocan o campionato son a CERS (Confederation Europeénne Roller Sakating), a CEPA (Comite Europée de Patinage Artistique) e a FEP (Federación Española de Patinaxe), presidida por Antonio Martra Solé e o Comité Nacional de Patinaxe Artística, presidido por Francisco Jansá Solé.

No comité organizador, presidido polo alcalde Lois Castrillo, están ademais o presidente do club Carpa, Carlos Covelo: o presidente do Comité Nacional de Patinaxe, Francisco Jansá: o director técnico do IMD de Vigo, José Ángel Otero e o técnico deportivo José Ángel Lago, entre outros.

En 1968 celébrase en Vigo o Campionato mundial de patinaxe artística, coincidindo coa inauguración do pavillón municipal das Travesas. Alomenos sete dos participantes nese campionato, entre os que se inclúen varias medallas de ouro do mesmo, volverán ao mesmo escenario como técnicos das Delegacións Internacionais da edición de 2002.

En Vigo existen cinco clubes de patinaxe e, contando os participantes nas escolas municipais, pódense contar máis de 1.500 rapaces que practican esta modalidade deportiva na cidade.


Programa

O luns 9 de setembro iníciase a competición ás 8:00 con adestramentos oficiais por grupos. Este programa, que forma parte da competición, realízase coa presencia de público e prolongarase ata as 23.00 horas. O martes 10 de setembro continúase cos adestramentos oficiais e inícianse competicións de figuras obrigatorias de 8:00 a 23:00.

Durante a mañá do mércores 11 de setembro altérnanse adestramentos e competicións de figuras obrigatorias. Pola tarde, principian a competición as parellas de danza e celébrase a cerimonia de inauguración oficial do campionato, entréganse as medallas de figuras obrigatorias e continúa a competición ata as 23:00.

O xoves e o venres dedícanse a adestramentos oficiais durante a mañá e a competicións en tódolos niveis e categorías pola tarde.

A competición finaliza o sábado 14 de setembro pola mañá e á tarde entregaranse as medallas e trofeos, ademais de celebrarse a gala de exhibición dos campionatos desta edición. Tralos discursos de clausura das autoridades, celébrase unha cea de gala como despedida do campionato.

Durante a celebración do campionato, circula un autobús específico con percorrido entre as distintas sedes oficiais (hoteis nos que se aloxan as delegacións) e os pavillóns de deportes nos que se celebran as competicións. Este autobús fai tamén o desprazamento das delegacións ata o aeroporto.

Descargar todas as imaxes