Escoitar
O Concello acondiciona diversos viais da cidade para facilitar a circulación dos peóns e mellorar a súa seguridade

Obras de mellora en viais de Vigo

mércores, 4 set 2002
Na avenida de Europa estase a construír unha beirarrúa que aumentará a seguridade dos peóns que circulen dende Samil ata Coia. Este paseo peonal, que será de xabre, está sendo realizado por traballadores do Plan de Emprego Municipal. Os operarios do Promil son tamén os que están prolongando a beirarrúa que comunica o paseo de Granada coa rúa da II República.

Entrementres, continúan os labores de eliminación de barreiras arquitectónicas en Camelias. Estanse a rebaixar os bordillos das beirarrúas nos pasos de peóns colocando lousas de cor vermella que axudan a identificar os lugares por onde se pode cruzar as rúas. Este proxecto de eliminación de barreiras desenvólvese dende o pasado ano por toda a cidade. Xa se executou noutros puntos como a avenida da Florida, ou as rúas Venezuela e Reconquista. No exercicio deste ano está previsto un investimento de máis de 60.000 euros.