Escoitar

O alcalde presenta o proxecto municipal de curtametraxes "Vigo límite 36 horas"

Organizado pola Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia (EGACI) en colaboración co Concello de Vigo, o proxecto invita a producir, rodar e editar unha curtametraxe en 36 horas, baixo a temática "Vigo a través dos sentidos". Xunto ao concurso, organízanse obradoiros de dirección de fotografía ou de rexistro de son directo, entre outros, do 27 de xuño ao 13 de xullo.

mércores, 20 xuñ 2012
1340195388cine.jpg
O alcalde, Abel Caballero, presentou este mércores esta iniciativa cinematográfica xunto aos edís de Cultura e Turismo, Isaura Abelairas e Cayetano Rodríguez, respectivamente, e o director da EGACI, Fernando Jover, unha proposta de "gran interese cultural en Vigo".

Esta iniciativa enfócase como un encontro cinematográfico na cidade e ten como principal reclamo o concurso "Vigo Límite 36 horas" que consiste na producción, rodaxe e edición dunha curta sobre o tema "Vigo a través dos sentidos" desde ás 12 horas do 28 de xuño ás 24h do 29 deste mes. A inscripción está xa aberta e a organización agarda a participación de entre 70 e 80 persoas. A gala final e entrega de premios celebrarase no Verbum o 30 de xuño.

Xunto a esta idea, o proxecto inclúe asemade un obradoiro de balde de introducción ao cine, que acollerá o Verbum durante todo o día 27 de xuño; outro sobre dirección de fotografía do 2 ao 13 de xullo e 80 horas de duración; un obradoiro de primeiro axudante de dirección, do 5 ao 7 do próximo mes no Verbum, con 30 horas de formación; e un último sobre rexistro de son en directo para cine de 36 horas, entre o 4 e o 7 de xullo.

Abel Caballero felicitou á Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia, sita en Vigo, polo seu traballo e enfatizou a "vontade de cooperar" do Concello coa mesma. O goberno local colabora co evento mediante a cesión do Verbum durante unha semana e sufragando o custo da cartelería.
Descargar todas as imaxes