O concerto inaugural de Imaxina Sons con Luisa Sobral transládase ao Auditorio Municipal do Concello
A persistente choiva do mércores 20 e durante a madrugada do xoves 21 conduciron ao concello de Vigo a mudar o escenario inaugural do 8º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, ao non poder cumprir co plan de montaxes previstas. O concerto de Luisa Sobral trasládase ao Auditorio Municipal do Concello no mesmo horario (xoves 21, 22h) para así poder garantir a realización do espectáculo. Estaba previsto que a estrea de Imaxina Sons tivese lugar na terraza do Auditorio Mar de Vigo, nunha contorna ao aire libre, aínda que finalmente o factor metereolóxico dificultou a montaxe e a viabilidade do concerto, que supón a presentación en Galicia da cantante portuguesa. O concello de Vigo, organizador do festival, contempla nesta edición o cambio ao escenario cuberto do Auditorio Municipal, ante unha posible cancelación por condicións climatolóxicas adversas, daqueles concertos previstos en espazos abertos.<br /> <br /> O concerto de apertura do 8º Imaxina Sons o xoves 21 de xuño no Auditorio Municipal do Concello, a cargo de Luisa Sobral, mantén o mesmo horario (22h) con entrada libre, pero co aforo máis limitado e con retirada previa de invitación. Desde as 21h, unha hora antes do comezo do espectáculo, a billeteira do Auditorio Municipal estará aberta para retirar os convites, sendo seis o número máximo por persoa.<br /> <br /> O concello de Vigo prégalles disculpen as molestias orixinadas polo cambio e anímaos a gozar da oitava edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, cuxo programa se desenvolve desde hoxe xoves 21 até o vindeiro sábado 30 de xuño.
Mais a dozura de Luisa Sobral non se pode confundir con algo livián. O seu proxecto actual é produto de moitos anos de estudo e traballo. Desde a adolescencia fixo da guitarra compañeira permanente e foise introducindo nos estándares do jazz. Durante catro anos estudou en Boston pasando pola Berklee College of Music; esa estadía traería nominacións en diferentes premios nos anos 2007 e 2008: Malibu Music Awards, Hollywood Music Awards ou The John Lennon Songwriting Competition. Atrás quedaba o seu paso por un concurso da televisión portuguesa -unha sorte de Operación Triunfo- que se ben, tal como ela recoñece, non lle achegou nada no plano musical, axudouna a atopar o seu propio camiño.
Luisa Sobral chega a Imaxina Sons acompañada da súa banda, unha formación de jazz con músicos destacados da escena musical portuguesa. No piano, Joao Salcedo, integrante tamén do SMaLL Trio e d'Os Azeitonas, no contrabaixo, João Hasselberg, formado entre Portugal e Amsterdam e inmerso en diferentes proxectos jazzísticos en Portugal, e na batería Carlos Miguel, acompañante habitual de grandes nomes da música lusa como Rui Veloso, Dulce Pontes, Sara Tavares, Mafalda Veiga, Carlos do Carmo ou Mariza. O pasado mes de maio Luisa Sobral debutaba en Londres, na Union Chapel, como teloneira de Ute Lemper conseguindo a admiración da audiencia e a atencións dos medios de comunicación británicos. Non se nos ocorre mellor guinda para o noso pastel.