Escoitar

O programa ”Aprender a convivir” conta coa participación de 28 centros educativos

venres, 4 out 2002
imx1832.jpg
Logotipo
A concelleira de Educación, Ana Gandón, presentou a programación de actividades de ”Aprender a convivir” que, no terceiro ano de funcionamento, lle oferta á comunidade educativa propostas e recursos para mellorar a convivencia.

As actividades ofertadas están dirixidas ao conxunto da comunidade educativa, é dicir, profesorado, nais e pais e alumnado. Entre os obxectivos marcados destácase aprender a convivir co conflicto de forma positiva: rexeitar a violencia como forma de resolución dos conflictos: prever entre o alumnado conductas intimidatorias e de maltrato, favorecendo actitudes contrarias a todo tipo de discriminación e de violencia: desenvolver unha cultura da paz asentada nos dereitos humanos e nos valores de respecto, tolerancia, democracia e igualdade.

Entre as actividades máis novidosas deste curso está a celebración das xornadas municipais ”Aprender a convivir”, que se desenvolverán no Centro Cultural Caixanova e contarán coa intervención de recoñecidos especialistas de diferentes partes de España. Tamén ocupará un lugar importante a presentación de experiencias que se están a desenvolver neste terreo tanto en Vigo como noutras partes do Estado.

Para seguir avanzando na consecución dos obxectivos marcados a Concellería de Educación e Muller ten programado para este curso 2002-2003 as seguintes actividades:


1. ACTIVIDADES PARA O PROFESORADO

A oferta do programa para o profesorado contempla diferentes modalidades de formación (cursos, formación en centros, xornadas, etc.). Neste terceiro ano ofertamos dúas novas a formación en centros e as xornadas. Concretamente a programación prevista para o curso é:

1. Tres xuntanzas cos coordinadores do programa dos centros inscritos. A primeira delas terá lugar o 26 de setembro no Instituto Municipal de Educación, ás 18 horas.

2. Curso de formación para o profesorado e orientadores (3ª convocatoria): ”Conflicto e convivencia nos centros educativos. Estratexias de intervención”. Ten unha duración de 30 horas e está homologado pola Consellería de Educación. As datas de realización do mesmo son os lúns e xoves dos meses de outubro e novembro, en horario de 17,30 a 20,30 h. Lugar de realización Instituto Municipal de Educación (IME).

3. Curso de especialización para o profesorado e orientadores “Conflicto e convivencia nos centros educativos. Especialización” (2ª convocatoria). Ten unha duración de 20 horas, homologado pola Consellería de Educación. As datas de realización do mesmo son en xaneiro de 2003, en horario de 17,30 a 20,30 h. Lugar de realización Instituto Municipal de Educación (IME).

4. Primeiras Xornadas municipais “Aprender a convivir” a celebrar no Centro Cultural Caixanova os días 11, 12 e 13 de marzo de 2003. Contarán coa intervención de tres conferenciantes de recoñecido prestixio e tres mesas de experiencias.

5. Sesións de formación en centros

6. Maletas pedagóxicas: libros e materiais didácticos que pon o programa a disposición dos centros.


2. ACTIVIDADES PARA O ALUMNADO

1. Cursos de formación de mediadores para estudiantes. Despois dos tres cursos feitos no curso anterior, para este curso están programados catro novos cursos.

2. Cursos de especialización de mediación, para os estudantes do curso anterior que fixeron o primeiro curso.

3. Sesións de coordinación cos estudantes que están a ser formados como mediadores e que están a aplicar na vida real as estratexias de resolución de conflictos aprendidas.

4. Conferencias ofertadas polas ONGs e polos profesorado participante no programa.

3. ACTIVIDADES PARA NAIS E PAIS

1. Xornada de formación para nais e pais en colaboración coa FOANPA. Dirixida a todas as nais e pais dos centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria de Vigo. Terá lugar un sábado do primeiro trimestre en horario de 10 a 14 horas. Lugar de realización Instituto Municipal de Educación (IME).

2. Xornadas de formación para nais e pais en centros. No curso anterior fixéronse dous ciclos de conferencias-seminarios en dous centros. Neste curso están programados dous novos ciclos en novos centros e máis proseguir cos anteriores.

4. ACTIVIDADES PARA O CONXUNTO DA COMUNIDADE EDUCATIVA

1. Envío aos centros de propostas e materiais para celebrar a semana dos dereitos humanos, como forma de celebrar o 10 de decembro Día Internacional dos Dereitos Humanos. Semana do 10 ao 15 de decembro.

2. Envío aos centros de propostas e materiais para celebrar a semana ”Por unha cultura de paz”, a celebrar en torno ao Día Escolar pola Paz (30 de xaneiro). Semana do 27 ao 31 de xaneiro.

3. Acto de entrega de diplomas a todos os estudiantes dos centros de Vigo que fixeron o curso de mediadores. O acto terá lugar no auditorio do Concello de Vigo no mes de maio. No mesmo serán invitados os estudiantes, profesorado e nais/pais dos centros participantes.

Ademais destas actividades, o programa continúa a ofertar os seus servicios de asesoramento e mediación a aqueles centros que o precisen. Así, estes recursos xa foron presentados en Córdoba, Granada e Asturias, onde realizarán unhas xornadas específicas, e Arxentina e México, entre outros lugares que amosaron interese. Apareceu tamén este programa con boa acollida en revistas pedagóxicas especializadas.

Tamén continúa en internet a páxina web do programa que pode ser consultada e participar no foro de debate. A dirección é www.aprenderaconvivir.org
Descargar todas as imaxes