Escoitar

Samil acolle o proxecto ”Aventura na Praia”

mércores, 10 xul 2002
O concelleiro de Xuventude e Deportes, Santiago Domínguez, presentou hoxe o proxecto ”Aventura na Praia” que se vai desenvolver na praia de Samil a partir da vindeira semana e ten como patrocinadores ademais da Concellería de Deportes as firmas Coca-cola e Caixanova.

”Aventura na Praia” é un proxecto de ocio e deporte para realizar diferentes actividades deportivas orientadas a públicos de tódalas idades. Realizaranse dende o 15 o 28 de xullo no óvalo central (pista de patinaxe) da praia de Samil, dende as 11:30 ás 14:00 horas pola mañá e dende as 16:00 as 20:30 horas pola tarde. As actividades seleccionadas son puenting, tirolina, aerobic, rocódromo e circuíto de quads (motos de catro rodas).

A estructura de saltos para o puenting é de 13 m. de altura, dotada dunha escaleira interior para que suban os saltadores. Unha vez arriba o equipo de monitores coloca o arnés de seguridade e realiza o salto. Este exercicio poden realizalo 15 persoas durante unha hora.

A tirolina é un deporte que consiste no deslizamento a través de corda, valéndose dun arnés e unha polea, poden realizar este exercicio 14 persoas por hora. O rocódromo é unha actividade de escalada sobre unha parede artificial suxeita a unha estructura de 9 metros de altura, nunha hora poden escalar 12 persoas. Co circuíto de quads os participantes poderán probar a sensación de subir nunha moto de 4 rodas. Este circuíto ten unha capacidade para 40 persoas a hora.

O aerobic é o deporte estrela, haberá 2 clases diarias unha pola mañá de 11.00 a 12:00 horas e outra pola tarde de 19:30 a 20:30 horas. O último día, o 28 a clase será as 20.30 e intentarase batelo record de España de asistentes nunha clase de aerobic, cada clase acolle entre 300 e 400 participantes, e o record a bater é de 2.300 persoas.

O prezo para participar nestas actividades é dende 1 euro a 3 euros dependendo do deporte, agás o aerobic que é gratis. A organización ten previsto un total de 25.000 participantes nestas actividades deportivas e unha estimación 300.000 persoas de público durante estas dúas semanas.