Escoitar

Principian os campamentos de verán da concellería de Xuventude

martes, 9 xul 2002
A concellería de Xuventude e Deportes ten programados campamentos co fin de que os mozos e mozas vigueses encontren o seu espacio propio para o divertimento na tempada estival e que poidan elixir entre diferentes opcións.

“Imos de excursión” é unha visita ó Grove e á Illa de Arousa programada para o 11 de xullo, para nenos e nenas de entre 7 a 12 anos, na que coñecerán o Centro de Interpretación de Siradella. O 24 de xullo os rapaces visitarán durante todo o día o Aquapark de Cerdeda, visitando o Museo do Moucho e o Xardín Botánico.

“Verán de Lecer” é un campamento urbano de cinco días que se realiza en Teis, dende o 1 ó 5 de xullo e do 8 ó 12 de xullo para nenos e nenas de 8 a 11 anos. Nestas xornadas os rapaces recibirán educación medioambiental, realizarán visitas, animación e convivencias.

Outro dos campamentos é o “Acampalingua” do 14 o 23 de xullo, para nenos de entre 8 e 14 anos, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, e o executa a Asociación de Tempo Libre Mixtura da Estrada, na aldea de Lodoselo na comarca ourensá de Limia. O albergue é unha casa rectoral restaurada nun entorno rural. O obxectivo deste campamento é ofertar unha actividade de verán galeguizada, coa fala galega como o único vehículo de comunicación e con algunhas actividades de reflexión e traballo sobre a lingua. O tema sobre o que xirará o campamento será que os rapaces farán o primeiro día un reino e estes terán que defendelo durante os nove días que dura o campamento dos ataques dun dragón papaverbas.

Outro campamento é o chamado ”a máquina do tempo” que se desenvolverá no pavillón das Travesas do 29 de xullo ó 9 de agosto para nenos e nenas de 8 a 14 anos, onde terán aventuras ambientadas en civilizacións, obradoiros, música e deportes.

Oito días ten previsto durar o campamento en Muíños na Serra do Xurés, na provincia de Ourense. A este campamento están apuntados 40 rapaces que irán acompañados de oito monitores. Entre as actividades que farán están visitar unhas ruínas romanas na beira do Río Limia, pesca con cana, excursións en bicicleta e sendeirismo ás diferentes pozas pola serra do Xurés, así obradoiros para facer pulseiras, colares, un herbario etc. E tódalas noites haberá veladas de animación e unha cea nun forno comunal onde haberá música tradicional.

Na cidade de Vigo organizarase o campamento “Tempo libre na Beiramar” dende o 1 ó 9 de agosto e do 19 ó 27 de agosto, para nenos e nenas de 7 a 12 anos: serán uns campamentos urbanos dende as 10 horas da mañá ata as 18 horas da tarde. Estas xornadas terán como base a Asociación Veciñal de Bouzas e teñen como obxectivo achegar a cultura marítima da nosa cidade ós rapaces, entre as visitas programadas están visitar a Conserveira Alfaxeme, unha exposición sobre a Ría de Vigo e Julio Verne no Museo do Mar e tamén visitarán a lonxa e os estaleiros sempre acompañados de 4 monitores que lles darán as explicacións e lles transmitirán os rapaces ó que temos na beira do mar.