Escoitar

O Concello mellorará a estética da praza de España renovando o alumeado

luns, 8 xul 2002
imx1640.jpg
A Comisión de Goberno deu o seu visto e prace á execución dun proxecto de renovación e mellora do alumeado na praza de España. O obxectivo non é simplemente dispoñer dun mellor alumeado nese espacio público, senón tamén realizar unha actuación que sirva para realzar o que é o principal acceso por estrada a Vigo.

O proxecto prevé a substitución das vellas farolas por outras de deseño e con altas prestacións, que suporán unha importante mellora estética do conxunto da praza. As novas farolas teñen unha base de poliester reforzado con fibra de vidro e están protexidas contra a humidade e o polvo.

O presuposto deste proxecto é de 60.000 euros. O Concello conseguiu que a obra fora incluída no Plan Provincial de Cooperación, o que lle permitiu obter financiamento doutras administracións para abordala. Desta maneira, o Concello asumirá o 30% do custo e o 70% restante correrá a cargo da Administración central e da Deputación.

O Concello conseguiu tamén financiamento para completar a renovación do alumeado da Avda. de Samil. Nos meses anteriores xa se renovaron todos os puntos de luz da marxe dereita da avenida e agora, cun presuposto de 42.000 euros vaise proceder á renovación do alumeado da marxe esquerda. Neste caso, o sistema de financiamento será o mesmo: 30% o Concello e o resto a Deputación e a Administración Central.

Ámbolos proxectos se executarán antes de finais de ano.
Descargar todas as imaxes