Escoitar

A Casa das Artes acolle unha mostra de debuxos inéditos de Laxeiro

venres, 5 xul 2002
imx1635.jpg
A exposición titulada ”Laxeiro, debuxos inéditos I” inaugúrase hoxe na Casa das Artes. Esta mostra, organizada pola Fundación Laxeiro, exhibirá 50 pezas menores do artista de Lalín e poderá visitarse ata o 28 de xullo.

Esta exposición, que se nutre de obras de particulares que a Fundación Laxeiro leva catalogando desde hai dous anos, amosa o Laxeiro máis inmediato. Composta na súa totalidade por bocetos e estudios do artista é unha ollada á parte máis procesual do pintor de Lalín.

Os motivos plasmados nas obras dan boa conta das fontes de inspiración de Laxeiro: paisanos, paisaxes, maternidades, mulleres... Isto dinos que Laxeiro era un artista a pé de rúa e nos amosa a vertente debuxística do artista, técnica que nunca deixou de practicar, desde os seus anos mozos, cando como barbeiro percorría as vilas da comarca do Deza, ata a última etapa da súa vida, cando era parte da paisaxe humana da cidade de Vigo, sempre preparado para debuxar en calquera soporte improvisado: desde os panos de calquera bar ata en papeis reciclados de carteis e afiches.

Esta mostra, a primeira dunha serie que a Fundación adicará ó aspecto debuxístico do pintor, comprende pezas que van desde os anos trinta ata os anos setenta, co que se pode facer un percorrido bastante completo pola súa traxectoria debuxística, desde a súa mocidade como artista novo ata os primeiros anos do retorno da Arxentina.

De tódolos xeitos, non pretende ter un aspecto cronolóxico, senón que se plantexa como unha mostra inmediata, espontánea, como a propia obra que se amosa.


Descargar todas as imaxes