Escoitar

O Concello comeza a executar as sentencias sobre Rosalía de Castro

xoves, 4 xul 2002
O Consello da Xerencia de Urbanismo acordou comezar os trámites necesarios para dar cumprimento ás distintas sentencias recaidas sobre os instrumentos urbanísticos nos que se apoiou a execución do ámbito Rosalía de Castro-1. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou distintos instrumentos dese planeamento realizados entre os anos 1993 e 1994.

O concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, explicou que o que se pretende agora é facer efectivas as sentencias de forma axeitada e sensata procurando que a realidade física da urbanización teña conformidade xurídica. Toba subliñou que neste proceso se defenderán os intereses municipais salvagardando os dereitos das persoas que de boa fe mercaron locais ou vivendas nesa zona.

Os acordos adoptados polo Consello da Xerencia son:

- Dar por anulado o Estudio de detalle da Unidade de Execución Rosalía de Castro, declarando autosuficientes as determinacións do Pxou para ordenar ese ámbito.
- Declarar a plena validez dos Estatutos e Bases de Actuación agás dous puntos: a imputación á Xunta de Compensación do custo de construcción do aparcadoiro e a permuta de bens co Concello.
- Requirir á Xunta de Compensación para que no prazo máximo de tres meses presente un novo Proxecto de Compensación e Proxecto de Urbanización.
- Revisar de oficio a Licencia de Actividades e Instalacións concedida á entidade “Parking Rosalía de Castro S.L. para a explotación do aparcadoiro soterrado.
- Instar ao Rexistro da Propiedade para que efectúa as rectificacións rexistrais derivadas das sentencias.
- Notificar todos estes acordos á Xunta de Compensación, ao Tribunal Superior de Xustiza de galicia e á Consellería de Política Territorial e Vivenda.