Escoitar

Visitas á obra de Antonio Palacios en Mondariz

mércores, 3 xul 2002
imx1623.jpg
Postais da obra de Palacios
Con motivo da exposición do arquitecto Antonio Palacios, na que colabora o Concello de Vigo, organízase en Mondariz unha visita virtual pola súa obra a cargo do historiador Xosé Ramón Iglesias. A visita será o venres 5 de xullo ás 20:00 horas, na Sala de Cultura do Concello de Mondariz Balneario.

Por outra parte, o sábado 6 de xullo terá lugar unha visita guiada pola obra de Palacios no Concello de Mondariz. Esta visita enmárcase no programa de visitas guiadas que a Concellería de Patrimonio Histórico de Vigo está a desenvolver con motivo da Exposición “Antonio Palacios, arquitectura e cidade” ubicada na Estación de Trasatlánticos ata o vindeiro 21 de xullo.

A visita, organizada coa colaboración do Concello de Mondariz Balneario, terá o seu punto de partida na estatua de Ramón Peinador ás 11:00 horas. Dende aí, o historiador Xosé Ramón Iglesias e varios concelleiros acompañarán os visitantes pola obra de Antonio Palacios no municipio. A primeira parada será no Gran Hotel para, de seguido, visitar a Fonte de Gándara. O percorrido seguirá coa visita á Baranda para rematar no antigo Sanatorio do Concello de Mondariz Balneario. O Concello porá a disposición dos visitantes un autobús gratuíto co fin de visitar a exposición de Antonio Palacios na Estación de Trasatlánticos de Vigo.

Visita guiada Antonio Palacios:
Mondariz Balneario, sábado 6 de xullo
Punto de partida: Estatua de Ramón Peinador
Hora: 11:00 horas
Gratuíta e aberta a todo público
Descargar todas as imaxes