Escoitar

As asociacións viguesas disporán dun plan de formación pioneiro en Galicia

martes, 9 xul 2002
A Concellería de Participación Cidadá organiza un plan de formación para organizacións non lucrativas, que pretende capacitar a directivos e voluntarios na administración e dirección de colectivos. O Centro Cívico de Teis e o Centro de Servicios Sociocomunitarios ”Casco Vello” ofertarán 13 cursos nos que poderán participar 325 alumnos.

A concelleira Mariló Cabaleiro destacou a variedade da oferta destes cursos destinados a solventar a carencia de formación nos directivos do movemento asociativo tendo en conta as demandas de cualificación existentes para o seu desenvolvemento de tarefas e planificación de actividades. O presuposto destinado para este plan de formación será de 29.760 euros.

O desenvolvemento da programación combina exposicións teóricas cunha carga lectiva de 315 horas e casos prácticos. En cada sesión entregarase material didáctico elaborado especificamente para o curso.

As persoas interesadas en asistir ós cursos deberán presentar unha solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Vigo. O número máximo de alumnos por curso será de 25 e a selección realizarase seguindo a orde e data de entrada da solicitude no rexistro.

Os alumnos admitidos formalizarán o pagamento da matrícula na oficina de Caixa Galicia sita na lonxa do Concello, nos cinco días seguintes ó remate da inscrición. O importe da matrícula establécese en 2,10 euros por hora de formación.

Ó remate de cada curso, os alumnos recibirán un certificado de aproveitamento. Efectuarase un control rigoroso sobre a asistencia ó curso e a falta superior ó 20% total das horas lectivas privará do dereito de obtención do certificado.

Cursos

-Introducción á informática: Windows
-Detección das necesidades da poboación destinataria
-Introducción á xestión financeira das ONLs
-Técnicas de animación para a participación dos socios
-Políticas sociais
-Introducción a Office
-Fundamentos de fiscalidade na ONLs
-Traballo en equipo
-Xestión e organización de proxectos non lucrativos
-Introducción a internet para ONLs
-Plan anual de captación de fondos oficiais e outras fontes de financiación
-Organización e difusión de eventos
-Técnicas de dirección: estratexia e por obxectivos