Escoitar

Polo recibe a “Medalla de honra” da Federación Galega de Bandas de Gaitas

mércores, 10 xul 2002
imx1641.jpg
”Polo”
O director da Escola Municipal de Danza de Vigo, Wenceslao Cabezas del Toro “Polo” recibiu a “Medalla de Honra” da Federación Galega de Bandas de Gaitas, como recoñecemento ó labor realizado durante toda a súa vida a prol da música popular tradicional galega.

Polo, que dirixe a Escola Municipal de Danza dende 1979, ten na actualidade 250 alumnos de entre 4 e 80 anos, onde ademais de ter clases de baile, os alumnos fan visitas culturais a sitios de interese da nosa cultura. Esta escola que empezou con 150 alumnos chegou a ter 1.200, unha vez se descentralizaron as clases que abarcaban a case tódalas escolas municipais do rural.

A “Medalla de Honra” que recibiu Polo só se concede en casos excepcionais. Ata o momento tena Xeranio Torreiro, delegado durante 25 anos do Festival de Lorient en Galicia. Polo tamén recibiu outros recoñecementos debido á súa activa traxectoria profesional, como son en 1993 a “Medalla de Vigués Distinguido” e en 1998 a “Medalla de Galicia” da Xunta de Galicia.

A traxectoria musical de Polo comeza no ano 1957 cando estudiaba no Instituto Santa Irene e o escolleron para facer un baile de fin de curso. En setembro do ano seguinte foi ó Hogar do Productor, onde coñeceu o seu verdadeiro mestre, José Iglesias Melitón, que dirixía o grupo “Vento das Cíes” con quen estivo bailando cinco anos e aprendeu a tocar a pandeireta vendo tocar a Melitón, compaxinándoo con clases particulares para rapaces que querían aprender a nosa danza.

Ós 21 anos fórono buscar para facerse cargo do Grupo de Coros e Danzas da Sección Feminina, onde tivo que poñer o grupo en marcha porque estaba deslabazado. Ó mesmo tempo daba clase de baile galego na maioría dos colexios de Vigo, ata o momento calcula que lle deu clase o máis de 30.000 vigueses.

Descargar todas as imaxes