Escoitar

O Concello regula a publicidade exterior no municipio

venres, 21 xuñ 2002
A concellería de Urbanismo comezou a tramitación dunha nova Ordenanza que regulará a publicidade exterior en todo o término municipal. Con esta norma tentarase poñer orde nas instalacións publicitarias perceptibles dende a vía pública establecendo as condicións ás que se terán que someter. Actualmente, segundo un informe elaborado pola concellería de Infraestructuras e Medio Ambiente, a meirande parte das instalacións publicitarias situadas no municipio non conta con autorización, moitas están en mal estado de conservación e algunhas incluso ocupan solo de titularidade pública.

Obxectivos

- Minimizar o impacto das instalación publicitarias na paisaxe urbana e natural.
- Respectar os bens do noso patrimonio cultural.
- Axeitar cada instalación ao uso permitido do solo.
- Garantir o mantemento das condicións de seguridade e ornato dos soportes publicitarios.

Aspectos salientables da Ordenanza

- Prohíbese a publicidade realizada mediante carteis, octavillas ou etiquetas fixada sobre edificios, árbores, monumentos ou elementos de mobiliario urbano.

- Non se permiten as instalacións publicitarias en edificios declarados “Bens de interese cultural” ou catalogados no planeamento urbanístico de Vigo. Tampouco se permite nas zonas verdes e no espacio ordenado polo Plan Especial do Corredor Natural do río Lagares.

- Limítase a colocación de anuncios luminosos sobre os edificios e prohíbese expresamente nos ámbitos do Pepri Casco Vello e do Pepri de Bouzas.

- Prohíbese a colocación de publicidade en solo de titularidade municipal agás nos casos e condicións que determine o Concello.

- Prohíbese a utilización dos báculos de alumeado público, as sinais de circulación e os rótulos viarios como soporte publicitario. Tampouco se poderán colocar carteis indicativos en solo público con mención de marcas, logotipos ou nomes de establecementos.

- Todos os elementos de publicidade exterior están suxeitos a previa licencia municipal de obras e instalacións. Somente quedan excluidos desta obriga: as placas identificativas de dependencias públicas, hospitais e actividades profesionais colocadas a carón das portas de acceso: as bandeiras e elementos representativos de paises, organismos oficiais, centros culturais, relixiosos, deportivos, políticos ou colexios profesionais: os anuncios colocados no interior dos establecementos comerciais: e os anuncios que indiquen a venda ou aluguer dun inmoble.

- Fíxanse normas para a colocación de publicidade nos edificios (fachadas, cubertas e medianeiras).

- Establécense as condicións para instalar soportes publicitarios en inmobles durante a execución de obras de limpeza, mantemento ou rehabilitación.

- Nos terreos sen uso, establécense as características dos soportes que se poden utilizar e os lugares onde poden emprazarse.

- Créanse un Rexistro de empresas de publicidade e unha Comisión Técnica Asesora de Publicidade.

- Establécese un rexime sancionador que prevé multas de ata 3.000 euros e a retirada dos soportes publicitarios.

O texto da Ordenanza será sometido a un periodo de exposición pública previo á súa aprobación definitiva.