Recomendacións para as fogueiras da noite de san Xoán
O volume do material combustible das fogueiras non poderá superar os 8 metros de diámetro nin os 3 metros de altura. A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados será como mínimo de 12 metros. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados productos inflamables nin zona forestal.
Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites e, en xeral, calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos: así mesmo coidarase de non botar ó lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros.
No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintados, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento e pintura cunha capa de area de 10 cm en toda a superficie da fogueira.
Ó finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas.
No Concello presentáronse nove solicitudes de asociacións veciñais para obter autorización para facer fogueiras en terreos públicos con motivo da festividade de san Xoán.