Escoitar

Servicios mínimos do Concello de Vigo

mércores, 19 xuñ 2002
O decreto de servicios mínimos do Concello de Vigo para o día de folga xeral convocada polos sindicatos establece o persoal necesario para atender convenientemente todos os servicios de emerxencia e para garantir o funcionamento mínimo dos servicios que a administración local ten encomendados.

O decreto sinala que o persoal de bombeiros deberá estar no seu posto para poder actuar con operatividade en caso de emerxencia. Tamén se establece a obriga de manter o servicio de inhumacións de cadáveres nos cemiterios municipais, xa que a lei marca que deben facerse obrigatoriamente entre as 24 e as 48 horas posteriores ao pasamento. Tamén se prestará o servicio de dispensación de medicación e atención de casos urxentes en Cedro.

O decreto de servicios mínimos garante ademais o funcionamento do Rexistro Xeral, o servicio de atención ao público para non interromper o periodo legal de cobro das taxas municipais e o servicio de tesourería para a formalización e devolución de avais e a recepción de ingresos e certificados.

O persoal que se encontre cumprindo os servicios mínimos recibirá unha credencial acreditativa.