Escoitar

O Concello prepara un acordo con Alecrín para subministrar a pílula ”do día despois”

martes, 18 xuñ 2002
O Concello de Vigo está a preparar un convenio de colaboración coa asociación Alecrín para subministrar gratuitamente a “pílula do día despois”. O Concello, a través da concellería de Xuventude e Sanidade establecerá un acordo coa devandita asociación para que dispense o comprimido a través do seu Centro Xove de Sexualidade.

O Concello de Vigo sumarase desta maneira a outras cidades e comunidades autónomas do Estado como Estremadura ou Andalucía que xa están a financiar a pílula. O Concello atende un acordo do Parlamento Galego que a Xunta de Galicia decidiu non levar á práctica.

O convenio entre o Concello e Alecrín porase en marcha despois do verán. As persoas que acudan ao Centro de Sexualidade da asociación recibirán asesoramento médico e será o facultativo o que lles indique a conveniencia ou non de tomar a pílula.