Escoitar

A mocidade viguesa participará na programación de ”O Castro Bule de Verán”

luns, 17 xuñ 2002
imx1561.jpg
Breakdance
Baixo a denominación “O Castro Bule de Verán”, o concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez, presentou a programación especial de “Súbete ó Castro” para os vindeiros 21 e 22 de xuño. Na presentación estivo acompañado por catro mozos organizadores e protagonistas das actividades, que explicaron a súa participación nas exhibicións de patíns en liña, castroconcertos e breakdance.

Durante os dous días de programación desta segunda edición, os organizadores pretenden superar os 1.500 asistentes do ano anterior. O atractivo da mesma excede a comarca de Vigo e xa está confirmada a asistencia de mozos doutros lugares de Galicia, de Asturias, de Bilbao e de Madrid, entre outros.

Un dos maiores atractivos da programación van ser as concentracións-exhibicións de grafitie, breakdance, roller e skate que se celebrarán o sábado e, en especial, durante a tarde. Estas concentracións permiten que os participantes demostren as súas habilidades en cada unha das disciplinas. No caso do breakdance mesmo está previsto que se realicen “batallas” entre grupos de distintas localidades, ou sexa, competicións informais a toque da música.

Outro dos atractivos vai xirar arredor da música. O venres centrarase nun concerto de música rock, con grupos como Nostromo, WC Hero, Amuart Cochcs e “El resto”, que están logrando un oco no panorama musical local. O sábado xirará sobre hip-hop no que participarán 11 grupos de Vigo, de Vilagarcía e A Coruña.

As actividades compleméntanse cunha exposición fotográfica e unha exposición de cómic, así como con obradoiros de trenzas africanas, cócteles sen alcohol e tatuaxes de henna. Haberá tamén unha exhibición de patíns en liña e skate para fomentar o uso das pistas do Castro e animar a xente nova a practicar estes deportes.

Ás 20:00 horas terá lugar a entrega de premios ós participantes por parte do concelleiro. Estes premios serán achegados polas casas patrocinadoras do evento e servirán de momento central do acto.

Tódalas actividades realizaranse nas instalacións do programa “Súbete ó Castro”, que a Concellería de Xuventude mantén aberto durante todo o ano no parque do Castro, ó carón dos depósitos de auga.

Cómpre destacar que de forma paralela a estas actividades se seguirá realizando a campaña de sensibilización “Castrofunil” entre os rapaces que acoden ó parque durante as noites. Perséguese con ela conservar a habitabilidade do espacio, respectando o mobiliario urbano e manténdoo limpo. Os resultados están sendo espectaculares, póndose de manifesto o elevado grao de emprego dos colectores de lixo dispostos co lema “Tira aquí o teu amor polo Castro” e, tamén, na drástica reducción de botellas e de farolas rotas.

Durante a rolda de prensa tamén se aproveitou para presentar un novo exemplar da publicación gratuíta “Castrobule”. A meirande parte dos seus contidos están relacionados coas distintas actividades que se realizan en torno ó programa “Súbete ó Castro” e foron elaborados por mozos participantes no mesmo. Está previsto distribuír 5.000 exemplares en institutos, facultades, Casa da Xuventude e lugares de presencia xuvenil habitual.

Descargar todas as imaxes