Escoitar

Medio cento de maquetas participan no concurso ”Ti es o primeiro”

luns, 17 xuñ 2002
Medio cento de maquetas presentáronse ó concurso convocado pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural, “Ti es o primeiro”, para a busca dos teloneiros dos grupos Jamiroquai e Oasis, dúas das actuacións estrela das Festas do Cristo da Victoria 2002.

O concurso que se celebra por primeira vez conta coa colaboración do Grupo Radio Vigo. A selección dos grupos que se encargarán de actuar con Jamiroquai, o 27 de xuño, e con Oasis, o 24 de xullo, levarase a cabo mañá durante a reunión de xurado composto por oito persoas relacionadas cos medios de comunicación locais.

O xurado seleccionará tres maquetas para cada un dos concertos, en base á súa calidade artística e á súa afinidade cos grupos en cuestión.

As maquetas achegaranse ás persoas responsables das xiras de Jamiroquai e Oasis, para que escollan o teloneiro definitivo. Ós outros dous grupos ofreceráselles a posibilidade de participar no ciclo “Xovevigo”, organizado tamén pola Concellería de Festas.

O Concello porá a disposición dos grupos gañadores os equipos de son e luces, backline, camerinos e “caterin” para o día do concerto.

Os grupos seleccionados deberán seguir, en todo momento, as indicacións técnicas, de horarios de ensaios e actuación e de calquera outra índole da organización.