Escoitar

O terceiro campus polideportivo comeza o 24 de xuño

mércores, 12 xuñ 2002
imx1543.jpg
Presentación
O concelleiro de Deportes, Santiago Domínguez, presentou esta mañá co director de marketing de Caixanova, Juan Díaz, e o director técnico do IMD, José Angel Otero, o terceiro campus polideportivo Vigo 2002, no que poderán participar 200 nenos e nenas da cidade de 8 a 12 anos.

O programa xeral do Campus desenvolverá de forma conxunta actividades de iniciación e perfeccionamento deportivo da man das mellores entidades deportivas da cidade, a través do que todos os nenos e nenas terán a oportunidade de aprender un novo deporte. Os deportes que se practicarán son baloncesto, balonmán, voleibol, fútbol sala e hockey a patíns. Por outro lado, están programadas unha serie de actividades recreativas que se realizarán pola tarde como xornadas de recreo nas piscinas, excursións e xogos a través dos que se busca a máxima participación dos alumnos e alumnas.

Tamén haberá actividades para nenos e nenas discapacitados como natación e baloncesto en cadeira de rodas.

O corpo técnico do campus formarano 25 monitores elixidos polos responsables de distintos clubes de elite da cidade. O campus desenvolverase no Complexo Deportivo das Travesas e a xornada será de 10 da mañá a 6 da tarde dende o luns 24 ata o venres 28 de xuño. O prezo será de 40 euros por alumno, co xantar incluído. As inscricións poderán facerse dende mañá ata o 24 de xuño.
Descargar todas as imaxes