Escoitar

Bases do concurso de ideas para o programa ”O Noso Tempo” da Concellería da Muller

martes, 11 xuñ 2002
As bases do concurso de ideas para a elaboración e desenvolvemento de actividades para o programa ”O Noso Tempo” da Concellería da Muller establecen que os proxectos presentados deberán versar sobre a formación persoal, elaboración de artesanía ou programas de información e sensibilización sobre os recursos e servicios destinados a mulleres.

O obxecto deste programa consiste na promoción da participación social das mulleres do movemento veciñal e cultural de Vigo e o fomento do emprego a través da selección dos proxectos e a contratación das mulleres monitoras e animadoras socioculturais.

Poderán presentar ofertas para a adxudicación dos proxectos e actividades do programa ”O Noso Tempo” as asociacións, entidades veciñais, culturais e deportivas e mailas persoas físicas ou xurídicas que teñan, pola súa finalidade ou actividade, relación directa co obxecto de contratación e dispoñan da organización suficiente, con elementos persoais e materiais axeitados para a súa debida execución.

En cada curso impatirase, en cada vocalía e asociación adheridas ó programa, unha sesión informativa na que se divulgarán os servicios e recursos para as mulleres de Vigo.

Para a valoración das solicitudes, a comisión terá en conta a adecuación do proxecto ós obxectivos do programa ”O Noso Tempo” e ás actividades da Concellería da Muller aprobados no I Plan de Igualdade de Oportunidades e Trato para as Mulleres de Vigo, segundo se especifica no anexo das bases do concurso. Ademais, valoraranse a calidade, interese e novidade do proxecto consonte os obxectivos e prescricións do programa, o coñecemento oral e escrito da lingua galega demostrado na entrevista persoal de selección, a cualificación do equipo de traballo, a relación custo/calidade, a axeitada planificación que permita unha eficaz realización, claridade e coherencia interna da proposta e calquera outro aspecto que contribúa ó fomento das accións positivas a favor das mulleres.

A Concellería da Muller dispón dunha dotación presupostaria de 106.980 euros para a execución deste programa. Os proxectos presentaranse no rexistro xeral do Concello de Vigo.


MÁIS INFORMACIÓN