Escoitar

Vigo será a primeira cidade que adapte o seu PXOM á nova Lei do Solo de Galicia

mércores, 12 xuñ 2002
imx1539.jpg
Castrillo e Cuiña
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, anunciou que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal estará adaptado á Lei do Solo de Galicia que a Xunta prevé aprobar a finais deste ano. Castrillo explicou que os redactores do PXOM presentarán o documento para a súa aprobación inicial a primeiros do vindeiro ano, o que permitirá a inclusión das novidades da futura Lei do Solo.

Lois Castrillo reuniuse hoxe co conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña, para falar sobre o proceso de elaboración do Plan Xeral de Vigo. O alcalde deulle conta ao conselleiro da marcha dos traballos e confirmoulle que se agardará á aprobación da Lei para incluir as súas novidades no documento do Plan Xeral. Segundo Castrillo, desa maneira garantirase a seguridade xurídica do planeamento urbanístico de Vigo, un dos obxectivos perseguidos coa redacción do PXOM. O alcalde sinalou tamén que non se desenvolverá máis planeamento secundario ata que se aprobe o novo Plan Xeral, aínda que sí se continuará coa tramitación do que xa está en marcha.

Castrillo e Cuiña salientaron o clima de colaboración institucional e de lealdade que preside as relacións entre o Goberno vigués e a CPTOPV e referíronse á necesidade de que a política urbanística de Galicia sexa froito dun amplo consenso entre todas as forzas políticas.

O alcalde e o conselleiro visitaron as obras de urbanización do polígono residencial de Navia, onde se van construír nos vindeiros anos máis de catro mil vivendas. Os traballos de urbanización están a piques de rematar e o Concello xa concedeu as primeiras catro licencias para a construcción de edificios na zona.
Descargar todas as imaxes