Escoitar

Caixanova participa no Plan Municipal de Emprego coa financiación dun SAE-Comercio

mércores, 12 xuñ 2002
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a entidade financeira achegará 60.101,21 euros como contribución económica para a posta en marcha dun Servicio de asesoramento a emprendedores (SAE) no ámbito do comercio, no marco do Plan Municipal de Emprego.

De acordo co texto do convenio, a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego contratará dous técnicos durante seis meses, que levarán a cabo a consolidación desta sección do SAE, deseñarán e desenvolverán unha campaña de difusión sobre zonas comerciais de Vigo e dirixirán accións formativas para profesionais e/ou emprendedores do sector.

Con este convenio, tanto a Concellería como Caixanova queren, como axentes determinantes da promoción económica da cidade, cooperar e colaborar na procura dunha maior profesionalización e dunha imaxe máis coherente do Vigo comercial e dos seus centros. Neste senso, o SAE-comercio suporá un reforzo do Servicio de asesoramento a emprendedores e de especialización, xa que no pasado ano 2001 as consultas creación de empresasas no sector comercial acadaron un 40 % do total.